O programa Domingos Vivos, enmarcado no proxecto Vilas Vivas impulsado pola Xunta de Galicia e o Concello de Ribadavia, arrancou esta mañá en Ribadavia cun variado menú cultural de música en vivo na sesión vermú, catas e compras, tanto de moda como de artesanía, ou gastronomía. Miguel García, tenente alcalde, Mariluz Expósito, segunda tenente alcalde, e Regina Bahamonde, concelleira de Servizos Municipais, participaron na inauguración do programa, á que tamén acudiu o conselleiro de Emprego, José González, así como Gabriel Alén, director xeral de Comercio, e Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense.
García destacou a importancia deste tipo de iniciativas, que “dinamizan a vida social e cultural” de Ribadavia e ofrecen “unha alternativa de ocio de calidade” para a veciñanza e os moitos turistas que se achegan á vila durante o verán. “Estamos moi agradecidos de que a Xunta escollera a capital do Ribeiro como piloto para este programa”, engadiu.
Os músicos solistas Miguel Cerqueira e Nuno Louro actuaron na Praza de San Xoán, ao mesmo tempo que O Curruncho do Birrán, o Colmado de Sabores e O Escaparate ofreceron cervexas artesanais, viños do Ribeiro e petiscos galegos para o público.
Por outra banda, neste primeiro Domingo Vivo abriron dúas novas tendas Vilas Vivas na rúa Yáñez: a viñoteca O Escaparate, da Adega Cume do Avia, e o espazo inclusivo Pequeno Ribeiro. Nas próximas semanas tamén se sumarán á iniciativa dous novos espazos: a tenda A Cooperativa do Ribeiro, na rúa Salgado Moscoso, e Sarto, moda téxtil, na Praza Maior.
A programación continuará o domingo 2 de agosto coa actuación de Marietta e Iago Vázquez de 11,30 a 13,00 horas. O domingo 6 de setembro serán Bardo Abelardo e DJ Tibu quen poñan a banda sonora do Domingo Vivo, tamén en horario de 11,30 a 13,00 horas.


















