A Corporación Municipal do Carballiño reuníuse a primeira hora da mañá nunha sesión extraordinaria solicitada por Espazo Común para a revisión dos elevados prezos detectados nos primeiros recibos da taxa de consumo e depuración de auga. No salón de plenos estivo presente un grupo de veciñas e veciños afectados por esta suba dos prezos públicos.
O concelleiro e presidente de Espazo Común, Manuel Vázquez, apuntou ao desmesurado incremento das cuotas de servizo e depuración, e solicitou un consenso de tódolos grupos, “para facer entre todos un prezo xusto polo auga”. Nos mesmos termos expresouse a edil non adscrita, Sofía García, que avogou por un mellor finanzamento das obras vencelladas a abastecemento e saneamento ,”que deberían ser pagadas por Augas de Galicia e non repercutir no peto da veciñanza”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O voceiro do Partido Popular e actual alcalde en funcións, José Castro-Gil, criticou a postura do principal grupo da oposición, “xa que vós votástedes en pleno a favor destes prezos”. Unha afirmación que Vázquez cualificou de “mentira”, xa que Espazo Comón sí votara en contra na sesión plenaria de marzo do ano pasado. O popular referíase, en cambio, ao pleno de novembro de 2024, no que PSOE, PP e Espazo Común apoiaran e só Sofía García se abstivera. “Vós estabades a favor dos pliegos do contrato da auga que xa incluían estes mesmos prezos, e incluso baixamos o prezo dalguns tramos que estaban contemplados no pliego”, subliñou Castro-Gil.
Pola súa banda, Diego Fernández, voceiro do PSdeG-PSOE, lembrou que “a normativa europea obriga a repercutir os custes de depuración nos usuarios do servizo” e indicou que no caso do Carballiño, “a pesar da suba, son máis baratos que noutros concellos de Ourense ou Galicia”.
Finalmente, os 10 votos do goberno municipal foron decisivos para rexeitar as propostas de Espazo Común, que só obtivo o apoio da concelleira Sofía García.

















