O Carballiño celebra este sábado o ‘Entroido de Verán’ cun gran desfile de comparsas e unha verbena na Praza Maior

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As áreas de Turismo e Cultura do Concello do Carballiño organizan o tradicional ‘Entroido de Verán’, unha cita moi esperada no calendario de actividades programadas no verán que están abertas á participación da toda a veciñanza e persoas que visiten a vila do Arenteiro. Os responsables dos devanditos departamentos municipais, Manuel Dacal e Diego Fernández, avanzaron esta mañá en rolda de prensa os aspectos máis salientables da programación prevista para este mes de xullo.

Así, o ‘Entroido de Verán’ terá lugar este vindeiro sábado, 11 de xullo, cun gran desfile de comparsas e charangas que partirá ás 20,00 horas dende a Praza da Veracruz, cun percorrido polas rúas Curros Enríquez, Julio Rodríguez Soto, Partido de Buenos Aires, Mosquera e Rosalía de Castro. Manuel Dacal agradeceu a implicación “dun total de 43 establecementos hostaleiros que aportarán agasallos para as agrupacións participantes”. A xornada pecharase pola noite cun baile de disfraces amenizado pola orquestra La Noria na Praza Maior.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O programa terá continuidade os días 24, 25 e 26 coa ‘Mostra de Viños’, con adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e, por vez primeira, dunha procedente da localidade de Alijò, irmandada co Carballiño na rexión do Alto Douro de Portugal, e do 10 ao 23 co ‘Festival de Títeres’ e, do 27 ao 30, coa ‘Semana Grande para Pequenos’.

Tamén proseguirán os concertos de ‘Feito no Carballiño’, as proxeccións de ‘Flores de Cine’ , a ‘Festa da Palabra’ na Ínsua dos Poetas e o ‘Festival de Habaneras’, entre outros eventos.

E nas parroquias do rural tamén están previstas as celebracións festivas, o 18 de xullo, da Santa Mariña de Longoseiros e da Virxe do Carme en Señorín, e a gran romaría da Madanela, o día 22, en Santa Uxía de Lobás.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------