O PSdeG-PSOE de Ribadavia valora que a Deputación se comprometa á reparación do parque canino da Veronza

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ribadavia valora que a Deputación de Ourense confirme, na resposta remitida ao Grupo Provincial Socialista, que executará actuacións de mellora no parque canino da Veronza. As e os socialistas presentaron un escrito e denunciaron o “lamentable” estado dunha infraestrutura que leva meses “completamente abandonada” e cun “deterioro continuo”, sen que dende o concello fixesen nada para solucionalo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde o grupo municipal socialista consideran que esta resposta demostra que a denuncia estaba plenamente xustificada, xa que a propia Deputación recoñece que é preciso realizar o desbroce da parcela e substituír a malla do peche, deteriorada polo paso do tempo e polo uso. “O importante é que, despois da nosa denuncia, a Deputación confirma que vai arranxar o parque canino. Iso é unha boa noticia para as persoas usuarias e para toda a veciñanza de Ribadavia”, sinalan as e os socialistas.

Con todo, advirten de que a contestación da institución provincial tamén deixa en evidencia a demora coa que se está actuando. “A Deputación di que os trámites para adquirir a nova malla comezaron no mes de abril. Se a petición se fixo hai meses e aínda estamos agardando pola reparación, é evidente que non se actuou coa dilixencia que merecía esta instalación”, apuntan.

Dende o Grupo Municipal Socialista en Ribadavia explican que “non imos entrar nun debate terminolóxico sobre se a Deputación considera que o parque está ou non abandonado” e apuntan que “os feitos falan por si sos. Se hai que desbrozar porque a herba medrou e hai que cambiar o peche porque está deteriorado, significa que existían problemas que había que resolver e que nós denunciamos con razón”.

Neste sentido, lembran que o alcalde de Ribadavia é tamén vicepresidente da Deputación de Ourense, circunstancia que fai “aínda máis incomprensible” a tardanza na execución das actuacións. “Resulta difícil entender que quen ocupa a vicepresidencia da institución provincial non fose quen de conseguir que unha instalación dependente da propia Deputación estivese en condicións. Se os trámites comezaron en abril e a reparación aínda non se executou, alguén terá que explicar por que se deixou pasar tanto tempo”, indican. Asemade tamén apuntan a que “en tres anos de mandato do señor Fernández, o parque canino da Veronza estivo sempre esquecido e nunca se preocupou por el, tendo que ser o PSOE o que impulse o seu arranxo”.

O PSdeG-PSOE de Ribadavia agarda agora que os compromisos anunciados pola Deputación “non queden nunha simple resposta administrativa” e que as actuacións se executen “de maneira inmediata”.

“O noso obxectivo nunca foi crear unha polémica estéril, senón conseguir que o parque canino se arranxe. Se a denuncia serviu para acelerar as actuacións, dámonos por satisfeitos, pero estaremos vixiantes para comprobar que os compromisos se cumpran e que a veciñanza pode volver dispoñer dun espazo público nas condicións que merece”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------