O Concello do Carballiño decidíu nesta ‘Festa do Pulpo’ o traslado dos postos de ‘minibares’ que tradicionalmente instalaban hostaleiros no espazo situado entre a avenida de Vigo e os chalés da zona residencial, na contorna da fonte existente na entrada do Parque Municipal, ata a finca das Barcias, na avenida do Arenteiro.
A decisión foi tomada tendo en conta un informe da Policía Local no que se considera que a antiga ubicación, un fondal rodeado de pendentes, non é a idónea por razóns de seguridade e de prevención de posibles emerxencias dada a alta concentración de persoas que se rexistra anualmente a partir do mediodía e durante toda a tarde de celebración do evento gastronómico.
O cambio supón un punto de inflexión na organización da ‘Festa do Pulpo’, que acada a súa 64ª edición o vindeiro 9 de agosto, xa que a instalación destes minibares, dotados de barras desmontables para servir bebidas e con apoio de equipos de difusión musical para disfrute e diversión dos participantes xoves no evento, na zona da fonte máis achegada ao restaurante, databa de máis de 35 anos de historia.
E serán un total de oito os negocios do sector hostaleiro os que finalmente foron elexidos no sorteo que tivo lugar o pasado venres na Casa do Concello e que instalarán a súa infraestrutura no espazo verde das Barcias. Os titulares destes minibares deben abonar 220,60 euros de taxas (2,65 euros de tramitación e 217,95 polo posto) por cada caseta, así como facer o depósito dunha fianza de 400 euros pola ocupación do dominio público. Ademais, serán responsables de velar polo cumprimento da normativa de ruídos e orde público, así como de respectar os espazos públicos e o entorno natural.
Neste sentido, a Concellería de Medio Ambiente e Termalismo lembraba onte nun bando que “a organización de festas, celebracións, reunións numerosas ou calquera outro tipo de actividade no recinto (Parque Municipal) deberá ser comunicada previamente ao Concello”, de xeito que “no caso de producirse danos no mobiliario, nas zonas verdes ou nas instalacións, esta canle de aviso previo permite determinar as responsabilidades correspondentes”

















