O Concello do Carballiño súmase este domingo ao apoio á Selección Española de Fútbol na final da Copa do Mundo cunha xornada festiva na Praza Maior dirixida á poboación de todas as idades, pensando especialmente nos máis cativos. Nesta liña, o goberno local propón animación musical cun DJ e unha fan zone (zona de xogos relacionados co fútbol) para os máis pequenos a partir das 17,00 horas, ademais de colocar unha televisión de pantalla grande para visionar, dende as 21,00 horas, o partido que enfrontará as seleccións de Arxentina e España.
Deste xeito, o casco urbano da vila do Arenteiro terá a nivel organizativo deste evento unha proposta “rival” xa anunciada con anterioridade. Trátase da iniciativa levada a cabo pola veciñanza da parroquia de Señorín, que nesta fin de semana, os días 18 e 19 de xullo, celebra as súas festas na honra da Virxe do Carme. Unha programación especial preparada pola comisión de festas para a xornada do domingo baixo o lema “A final xógase en Señorín. Tod@s con España”.
Así, as actividades deste día 19 comezarán ás 20,00 horas coa apertura do bar da comisión, que contará coa animación musical do DJ Tibu para quentar o ambiente antes da retransmisión do partido da final da Copa do Mundo, a partir das 21,00 horas, nunha gran pantalla de dimensións 4×2 metros ubicada no recinto do festexo. Ao remate do encontro, a xornada pecharase cun baile amenizado pola Orquestra Principal.
Asemade, no mesmo recinto da festa haberá durante toda a xornada do domingo un servizo de bocadillos quentes e fríos á disposición de todas aquelas persoas que se acheguen a desfrutar dos festexos.

















