A Xunta inviste preto de 40.000 euros na renovación da rede de abastecemento en Názara, en Cenlle

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Cenlle para, acompañado da súa alcaldesa, Rebeca Sotelo, supervisar as obras de renovación da rede de abastecemento de auga potable, ao núcleo de Názara, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investiu máis de 39.400 euros.

O delegado territorial explicou que as obras consistiron na instalación dunha tubaxe de polietileno de 50 mm. de diámetro e 10 atm. de presión nominal, boca de rega, válvulas de comporta, válvula de baleirado, e válvula redutora de presión. O inicio da tubaxe, proxéctase no cruzamento de Cenlle cara a Esposende e continúa pola estrada provincial OU-0302.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta actuación, que contou cun prazo de execución de 3 meses, requiriu dun levantamento topográfico previo.

Gabriel Alén lembroulle a alcaldesa tamén a achega de máis de 5.000 euros de Augas de Galicia para desenvolver unha auditoría na rede de abastecemento para solucionar as posibles perdas e derrames; así como os máis de 75.000 euros que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou en 2021 ás actuacións de abastecemento e de saneamento no núcleo de Piñeiro.

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no medio rural; por iso o Goberno galego continúa axudando aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente.

Ao respecto, o delegado territorial lembrou que no ano 2015 a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo unha aposta decidida para mellorar o bombeo dende o río Miño aos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro. Deste xeito, máis de tres mil persoas teñen garantido o subministro de auga potable, o que lle permitiu facer fronte aos problemas da seca e do arsénico que son frecuentes nesta contorna.