O venres día 8 de marzo o Cine Club ofrece s nas sesións habituais de 20:00 horas (versión dobrada ao castelán) e 22:30 horas (vos) a proxección da última película do director xaponés Hirozaku Koreeda, “Monstruo”, un intrigante melodrama, unha historia sobre o amor e amizade centrada como moitas das súas películas no mundo da infancia. Conta ademais cunha fermosa banda sonora a cargo do compositor Ryuichi Sakamoto e obtivo o premio ao Mellor guión no pasado Festival de Cannes. Ten ademais 11 nominacións nos Premios da Academia xaponesa de cine.
Esta vindeira fin de semana comezan tamén unha nova actividade: as sesións Filmoteca. De marzo a novembro terán dúas sesións ao mes, unha delas adicada aos máis pequenos e ao público xuvenil. Empezarán este venres coa proxección ás 18:00 horas do filme de animación francés “El viaje de Ernest y Célestine”, nominada á mellor película de animación nos Premios Cesar da Academia francesa.
E o domingo día 10, en horario de 19:00 horas, proxectarán o filme islandés “Godland”, de Hlynur Palamason, que realiza neste caso un filme épico sobre unha viaxe aos confíns da terra, dunha beleza apabullante. O prezo de todas as sesións de filmoteca será de 2 euros.