Logo dunha edición na que o coronavirus provocou a suspensión dun acto que xa forma parte das citas senlleiras e tradicionais do panorama literario e cultural de Galicia, a do 2020, volve unha das convocatorias históricas da cultura galega.

Os premios Antón Losada Diéguez serán entregados o próximo día 12 de xuño nun acto que se celebrará no pazo de Moldes, en Boborás, e que contará coa presenza de Luís González Tosar como pregoeiro.

O escritor Luís González Tosar (Bos Aires, 1952) é autor de textos que forman parte da historia da literatura galega e os seus poemarios teñen sido recoñecidos con premios como o Esquío de poesía, Losada Diéguez, da Crítica Española ou o da Crítica de Galicia, entre outros. As súas colaboracións xornalísticas foron merecedoras do Premio Julio Camba de Xornalismo e a Xunta de Galicia distinguiuno coa Medalla Castelao no ano 2005. Ademais de ser autor de poemarios como <A caneiro cheo>, <Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras>, <Remol das travesías>, <Campás da recalada>, <Madeira do meu canto> ou <Estúrdiga materia>, entre outros, tamén é o creador do libro de relatos <Estación marítima>. Ten participado en numerosas publicacións colectivas e foi tradutor e editor. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, foi na súa etapa compostelá cando exerceu como fundador e director da mítica revista Dorna. É presidente do PEN Club de Galicia, director da Fundación Eduardo Blanco Amor e presidente da Fundación Insua dos Poetas.

Luís González Tosar mantén de sempre unha fonda relación coa figura de Antón Losada Diéguez, sendo ademais un dos membros do padroado da fundación que leva o nome do filósofo e galeguista de Moldes. No ano 1984 foi o coordinador da publicación <Homenaxe a Antón Losada Diéguez. Centenario 1884-1984>, editado polo Concello do Carballiño. Ademais de recoller textos de Losada ou de persoeiros que o trataron ou compartiron inquedanzas con el –Otero Pedrayo, Filgueira Valverde e outros- tamén se incluían na publicación de homenaxe colaboracións de Justo Beramendi, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Antón Tovar ou Ramiro Fonte –entre outros- e dous poemas de Xela Arias, autora á que se lle dedican este ano as Letras Galegas. Foi un dos promotores das actividades que se desenvolveron en 1985, ano no que se lle dedicaron a Losada Diéguez as Letras Galegas, e seu é o primeiro poemario que gañou o galardón no apartado de creación literaria: a obra <A caneiro cheo> foi recoñecida co premio en 1986. Na historia dos premios Losada Diéguez foron recoñecidas obras poéticas de Antón Tovar, Chus Pato –en dúas ocasións-, Ferrín, Baixeras ou Cesáreo Sánchez Iglesias.

Nos premios Losada Diéguez 2021 –que recoñece obras publicadas no ano anterior, neste caso ao longo do 2020- foron escollidas nesta ocasión como obras galardoadas o libro de poemas <Quérote canto>, de Eva Veiga e Baldo Ramos, na categoría de Creación Literaria; e <O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria>, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, no capítulo de Investigación e Ensaio.

Os premios Losada Diéguez están promovidos polos concellos do Carballiño e Boborás, contando coa colaboración da Deputación de Ourense. A organización da convocatoria anual corresponde cada ano a un dos concellos, sendo este ano O Carballiño o organizador do acto que se desenvolverá no pazo de Moldes (Boborás) o próximo día 12 de xuño.