O prezo dos servizos municipais (ou cando as comenencias suplantan ás necesidades)

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Antón Jardón

Curriculum Antón Jardón


«Alí onde fala o corazón é de mala educación que a razón o contradiga».

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

(Milan Kundera, A insoportábel levidade do ser)

Resolto o enigma das pasadas eleccións locais, e xa imbuídos no do 23X, un par de xornais daban conta dun informe ‘sobre a situación económica-financeira dos concellos galegos’, auspiciado polo Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, e asinado por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense. O documento conclúe que, en servizos básicos, os concellos máis pequenos gastan tanto como os grandes, mais ofrecen menos atencións. As prestacións dos grandes disque son tamén de maior calidade, porque dispoñen de máis recursos; e iso seica acontece mercé á súa maior capacidade fiscal e maior participación nos ingresos doutras administracións. Esa é a razón pola que o autor do relato propón, en primeiro lugar, a fusión dos concellos de menor poboación, tomando como referencia as actuais cabeceiras de comarca e, en segundo lugar, ínstaos a que constitúan mancomunidades, consorcios, áreas metropolitanas e a que colaboren máis coas deputacións.

A proposta, amais da escasa atención mediática, pouco lle interesou á clase política e á veciñanza galega. Visto o visto, todo parece indicar que estamos ante un novo capítulo daquela gran iniciativa de Feijóo –e dalgún medio amigo– que pretendía unha redución drástica do número de concellos galegos, cuxo resultado foron dúas tristes fusións. Pois iso, nada novo baixo o sol.  

O informe coxea das dúas patas: os argumentos parecen inocuos e as propostas abúlicas. Cando fala dunha maior cobertura e calidade dos servizos prestados polos concellos máis grandes, sería necesario que nos aclarase se a prestación é a mesma nas cabeceiras destes concellos –cidades e vilas– e nas súas aldeas, e se a prestación é homoxénea no centro e nos barrios periféricos. Porque se non for así –que non o é– a comparativa leva a trampa na barriga. Ou, dito doutra maneira, cando se teña que fusionar O Saviñao (3.547 almas) con Monforte (18.374 habitantes), as 613 entidades resultantes recibirán os mesmos servizos e coa mesma calidade que a vila? E, os servizos serán máis baratos no novo concello que en Mondariz-Balneario (675 habitantes e 5 entidades)? Tamén debería contarnos, á hora de calcular os custos, se os autores tiveron en conta a axuda que supón a duplicidade e suplencia dos servizos prestados por outras administracións públicas nas cidades (hai centros culturais, pavillóns de deportes, recintos feirais, bibliotecas, garderías, transporte público subvencionado, etc, cuxos custos non tocan un só céntimo dos orzamentos municipais). A senso contrario, o informe debería analizar a repercusión negativa que teñen nos custos as competencias impropias que deben asumir os concellos pequenos (verbi gratia, cofinanciamento de centros de día, axuda no fogar, etc). E, por suposto, non debería ignorar canto están aforrando os concellos fusionados (Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade) e se hai mellora real na calidade das prestacións. Finalmente, sorprende a proposta dunha «colaboración máis activa coas deputacións provinciais». Non debería ser ao revés?

Hai moitas circunstancias que fan de Galicia un país distinto, tamén nesta materia. Basta comparar a media de entidades por concello, tan desproporcionada entre esta esquina do mapa e o resto (98 contra 3 e pico). Por tanto, deberiamos esixir que Galicia goce canto antes da suficiencia xurídica que lle permita conformar unha organización territorial e unha ‘planta local propia’, dotada dun elenco competencial actualizado, acorde coas súas circunstancias e necesidades, no canto de perdermos o tempo con panos quentes que, aínda que alivien algo as doenzas, non acabarán coa malura endémica que padece.      

Mais, mentres iso non aconteza, como Castela-León ten 2.248 concellos (600 con menos de 100 habitantes) e hai varias autonomías que por aí andan, parece razoábel que o experimento das fusións respecte as prioridades, onde a Galicia (313 concellos, sete veces menos) lle tocaría contra o final do proceso. E, xa de postos a analizar custos, se Galicia tivese unha única provincia, canto aforrariamos? Canto nos custan as catro deputacións? En fin, se estas entidades están para equilibrar os servizos, ao desaparecer os concellos pequenos, deberían seguir existindo? Velaí o campo do debate.

Os informes como este de Redes Localis tamén deberían ter o valor de dicirnos se os cidadáns galegos merecen recibir todos os servizos públicos básicos, universais e de calidade, vivan en concellos pequenos ou grandes, ou deben resignarse ante as teses neoliberais, privatizadoras, tan empeñadas en confundir dereitos e mercadorías.

 [Di o meu tío Lisardo que primeiro agruparon as escolas, despois suprimiron servizos agrarios, veterinarios municipais, etc, logo descarrilaron o transporte de viaxeiros e eliminaron as oficinas bancarias; hai uns meses comezaron a substituír consultas médicas presenciais por telefónicas e non tardarán en pedirnos a tarxeta de crédito no canto da sanitaria. Agora  queren eliminar os concellos pequenos porque seica hai que abaratar custos. Iso si, todos enchen a boca dicindo que cómpre potenciar o ‘medio rural’. Mais cando alguén o diga en serio, xa será demasiado tarde]


Outros Artigos de Antón Jardón :

“Concellos galegos: un mundo que non muta nin se inmuta”

” Que longa e a noite e que fugaz é a luz! “

“Quiere una bolsita?”

” A lingua, a cultura e as andrómenas dalgúns alcaldes “

” Que é un alcalde de tarifa plana? “

” Concellos galegos ou concellos de Galicia “

” O regreso de Antón Tovar ás veigas durmidas “

” O espello convexo e os carneiros mochos”

Días de intemperie

Que tropa, que tempos…, que ventos!

Cartas sen selo: As fragrancias que nunca esvaecen

É a caligrafía, babeco!

Cando pretendes apalpar os sentires da noite

A dama da Lagoa, Xinzo, Carreira e nós

A insignificancia das cativezas

Don Alberto e a súa circunstancia

O que acontece é insignificante, o importante é o que nos contan

“Don Alberto, o home que perdeu o acento (que nunca tivo)”

“Tempos de pandemia e secura”

“O estado da nación / O estado da ficción”

“A insipidez minguante da esquerda cortesá”

” Don Alberto e a astroloxía luscofusquiana “

Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto.

” Feijoo e a reconciliación coa familia (política) “

” O seu nome fede a pólvora queimada, excelentísimo señor! “

” Feijóo rebenta os freos ao atravesar ao Padornelo “

” Por que te vas, Alberto? “

” Contra o carnaval de Madrid, viva o entroido de Xinzo! “

” Cando as rogativas non dan acabado coa sequía “

” O desencanto de don Claudio “

” Don Claudio e o progreso “

” Vai moito frío en Penalonga “

” A matanza do tempo “

“Unha ovella na tulla do diñeiro”

” Mirando cara a acolá “

” A galiña que pon os ovos sen data de caducidade “

O pan noso de cada día

” Quen ri último, ri mellor “

” Rebuscando nos sumidoiros “

” Conichos e fantoches “

” Contando tardes, sobre todo, tardes “

Quen anda aí?

A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco)

“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”

” Sente aqui, señor! “

” A codia das ausencias en tempos adversos “

A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato]

” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “

” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “

Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “

” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “

” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”

” Non hai doce sen trece (corolario) “

” Non hai doce sen trece (segunda parte) “

” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”

” Antollo e o xurelo guisado [relato] “

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “