Antón Jardón
Curriculum Antón Jardón
«En las horas de escabio y amarguras / me pregunto si fue cierto tu cariño / y aunque busco en el embrage no hay ninguna / que como vos me quiera como un niño…»
(Les Luthiers, Pieza en forma de tango)
Hai unha caste de paxaros, dotados de plumaxe agrisada e pico longo, que polo feito de aniñar nas silveiras madrileñas xa se cren imbuídos polo omnipotente xarope emanado do Manzanares, capaz de catapultalos contra a estatua da Cibeles para, decontado, autoproclamarse Elite Suprema Do Estado Español. Se saen vivos do moquete, claro. O paso seguinte consiste en pensar que a periferia sempre danza arredor deles, digan o que digan e fagan o que lle pase por debaixo do arco de trunfo. Semellante macana, por desgraza, acontece a diario en tódolos ámbitos. Pasa na cultura, na gastronomía, no deporte… no sursum corda. E pasa, especialmente na política.
Hai cousa dunha semana, un grupo de comediantes do partido de Pablo Casado, seguindo artes e mañas dos seus antepasados capitalinos, pensaron que podían converter o chotis madrileño en carnaval, convencidos de que, ao aparecer máis na televisión, mesmo serían quen de superar o entroido de Xinzo. Vaia tropa, maldita ignorancia! So a eses vendedores de quincalla se lle ocorre confundir o carnaval co entroido.
Menos mal que lles queda o dos Peares! Aínda así, cómpre non terxiversar. A elegancia das pantallas, o estilo, a orixinalidade, a diversidade, a espontaneidade, a largueza do ciclo, a policromía, … en fin, a excelencia do entroido por antonomasia –o entroido de Xinzo– nunca poderá ser emulado por uns xogadores de brisca, que ousan matar o as de trunfo coa sota de bastos. E iso pásalle a moitos en canto atravesan o Padornelo.
Estes voadores madrileños, faltóns e iconoclastas, transfigurados en personaxes esperpénticos, medran e enguedéllanse entre as páxinas de Luces de Bohemia de Valle-Inclán. Mentres, un actor secundario, apelidado Carromero, disfrazado de don Latino de Hispalis, emula ao torpe Alberto Casero e, por mandato de don Teodoro e don Almeida, organiza o velorio da revirada Isabel. Pensan que son os máis listos da clase, pero non se decatan quen é o defunto, ata que 3000 pecadores inconfesos acoden, sen pudor, ao funeral de Pablo Max Estrella (o protagonista da obra de Valle-Inclán). Coitados! O único que o sabía todo era Feijoo. Levaba no peto a partida de defunción do morto.
[O meu tío Lisardo agarda impaciente por coñecer a resposta da pregunta que deixou no aire a presidente Madrileña o pasado xoves: que lle botarían a Casado na bebida?]
————————————————————————————————–
Outros Artigos de Antón Jardón :
” Cando as rogativas non dan acabado coa sequía “
” O desencanto de don Claudio “
” Vai moito frío en Penalonga “
“Unha ovella na tulla do diñeiro”
” A galiña que pon os ovos sen data de caducidade “
” Contando tardes, sobre todo, tardes “
” A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco) “
“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”
” A codia das ausencias en tempos adversos “
” A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato] “
” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “
” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “
” Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte) “
” Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español “
” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “
” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “
” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”
” Non hai doce sen trece (corolario) “
” Non hai doce sen trece (segunda parte) “
” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”
” Antollo e o xurelo guisado [relato] “
” O can vello, o amo e o patrón [relato] “
” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “
” O corvo e o alcalde [relato] “
” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “
” Unha muller confinada no supermercado “
“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”
” 5 de abril, Domingo de Ramos “