Antón Jardón
Artigo : ” Non hai doce sen trece (corolario) ”
———————————————————————————————————-
Curriculum Antón Jardón
«As cousas son así: imos e vimos, / sin enterarnos nunca do que pasa. / Pra saber a leución dámoslle voltas, / cando acaso mellor era non darllas.» (Do poema “A leución”, Viaxe ao país dos ananos, Celso E. Ferreiro).
Por obra e graza da lei dos vasos comunicantes, cando botamos líquido homoxéneo nun deles, malia que nun primeiro instante pareza que o recipiente receptor ten máis cós outros, ao pouco tempo e en canto chega a calma, todos alcanzan o mesmo nivel. E iso segue sendo así se lle inxectaramos máis fluído ou mesmo se os ladealos. Os líquidos nos vasos comunicantes sempre acadan o mesmo nivel. Cada quen pódelle botar a culpa ao que queira, mais, dende o século XVII, un tal Pascal deixou acreditado que iso é así porque a presión atmosférica e a gravidade son constantes en cada vaso.
Na política galega o principio de Pascal só se cumpre na oposición. O PP, con Feijoo ou sen Feijoo, segue –e seguirá− exercendo a mesma presión hidrostática na sociedade galega, porque é un bocoi compacto onde o nivel do líquido que o alimenta permanece inmutábel, aínda que mude a súa aparencia xeométrica. Entre outras razóns, porque ten taponados os condutos que o unen aos recipientes colindantes. Algúns dirán que é porque o votan os vellos. E en Galicia hai moitos. Mais, como os vellos acaban morrendo, alguén debería explicarnos porque o PSOE e o BNG, aínda así, non son capaces de desbancar ao PP. Só hai unha explicación: á medida que imos entrando en anos, todos os que nunca o fixemos dásenos por votar ao partido da gaivota. Se fora así, mercé á devoción dos partidos da oposición pola lei de Murphy –algo menos científica que a de Pascal− a única medida capaz de producir a alternancia sería a de rezar para que unha masa de chapapote, unha vaca tola ou un meteorito caian encima do partido de Feijoo, rebentándolle as costuras ata que o líquido que o alimenta se dilúa pola face da Terra. Mais, seguramente hai outras. Só cómpre que haxa vontade de buscalas.
[O meu tío Lisardo pensa que, mentres funcione tan ben a lei dos vasos comunicantes entre o PSOE e o BNG (e entre estes e outros ensaios murphianos) mercé á sapiencia dos seus ilustres enxeñeiros, cada día máis obstinados en manter limpos os condutos que os comunican, no canto de obstruílos e buscar a maneira de abrir billas no estanque do PP e no do partido da abstención, con Feijoo ou sen Feijoo, teremos PP para rato].
———————————————————————————————————-
Outros Artigos de Antón Jardón :
” Non hai doce sen trece (segunda parte) “
” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”
” Antollo e o xurelo guisado [relato] “
” O can vello, o amo e o patrón [relato] “
” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “
” O corvo e o alcalde [relato] “
” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “
” Unha muller confinada no supermercado “
“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”
” 5 de abril, Domingo de Ramos “