O can vello, o amo e o patrón [relato]

Antón Jardón

Artigo : “O can vello, o amo e o patrón [relato]”

«O mujik díxolle: −Dime, can, os vellos favores lémbranse ou esquécense? −Pois verás: vivín co meu amo quince anos, vixiei a súa casa, ladrei… Agora… só quero afastarme o máis posíbel do meu antigo amo.» (O lobo e o mujik, León Tolstoi).

AVANTAR ACTIVIDADES

Tobi case era da familia. Levaba máis de quince anos na casa cando Berto abafou nun santiamén a súa propia memoria, ao esquecerse adrede da fidelidade, da incondicional compañía e dos servizos que lle prestara, a cambio de rillar catro ósos e durmir diante da porta, soportando toda clase de intemperies. Sempre estivo tan san como un buxo e xamais dubidou un instante, á hora de cumprir as ordes e antollos do amo, por moi revirados que fosen. Tobi é un dos poucos cans que pode presumir de que o lobo nunca lle matara unha ovella. Valente como un león, vixiante incansábel, sempre saíu ileso de todas as agarradas que tivo co sanguinario inimigo da facenda.

Ultimamente, sen folgos e sen dentes, pasaba o tempo deitado debaixo do carro, totalmente desganado, ata que Berto lle aguzou as preocupacións ao presentarse na casa cun cachorro pinto. Meu dito meu feito, hai uns días ao vir Tobi de estirar algo as pernas atopou a cancela pechada e, sen coraxe para brincar por riba dela nin ansias de ladrar, deu media volta e, discretamente, colleu o andante á procura do lugar onde pasar os últimos días, para non ser carnaza das pegas e dos voitres no foxo dunha poula.

Desposuído da carranca de sempre e sen pousada onde abeirarse, decidiu ir en busca dunha canceira. Ao acercarse ao coche da Protectora, o chofer fixouse na chapa que levaba na orella e, ao ler a lenda «validez permanente», fíxolle un aceno para que entrase. De pé, no medio do corredor do auto, tremelicábanlle as pernas e, cando estaba a piques de domearse, ergueuse unha cadela para cederlle o seu recanto. Tantas compracencias aviváronlle as sospeitas, novamente.

Xa con praza na canceira, cando pensou que recobrara certa normalidade, unha conversa telefónica que escoitou fíxoo desconfiar, outra vez.

−Bo día, patrón. Hai cousa dunha semana entrou un con pinta de doente. Ou, alomenos, algo adoecido. Será a rabia, señor? Habería que illalo. Se morde a algún dos outros, estamos amolados. E, xa non digamos se trinca a un de nós!

−Que trapeleas, ho! A quen vai morder un desdentado?!

−Sería mellor levalo ao sanatorio canino para que o vexa o veterinario, señor!

−No hospital non teñen vagar para atender os vellos. As gaiolas cómpren para os novos. Ah!, unha cousa máis, esta conversa nunca existiu. E non me chames patrón. Estamos?!  

−Ok, patrón. Iso si, haberá que ir pensando como arranxamos o asunto dos votos. Se encaman, moitos non poderán ir votar. E, se morren, non che digo!

− Para pensar xa estou eu. Morto o can, acabouse a rabia.Ti, obedece e cala!

[O meu tío Lisardo opina que a ingratitude e o desprezo son dous dos males máis daniños, nestes tempos tan revirados e insolidarios].

———————————————————————————————————-

Curriculum Antón Jardón

———————————————————————————————————-

Outros Artigos de Antón Jardón :

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “