O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu apoio os traballadores e traballadoras da empresa Unitono

O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu apoio os traballadores e traballadoras da empresa Unitono, que solicitan a través do seu comité de empresa que se paralice o proceso de negociacións do ERE estatal que está a levar a cabo a empresa, con motivo do coronavirus e as recomendacións dos especialistas da sanidade, que indican que non haxa reunións presenciais e evitar o contacto físico, especialmente en Madrid, lugar onde se deberían ter lugar estas negociacións. Un ERE que afecta de forma máis directa a plataforma en Ourense na que a empresa propón como medidas o despido de 45 traballadores e traballadoras e a redución de xornada de 39, algo que segundo indican dende o comité de empresa sería “brutal” para a sede en Ourense.

Os socialistas apoian os traballadores e traballadoras e tamén o comité de empresa na súa decisión de aprazar as reunións para as negociacións do ERE e afirman que “nestes momentos cunha pandemia que afecta directamente o noso país, débense paralizar todo tipo de reunións e negociacións por responsabilidade e seguir as indicacións de sanidade” e subliñan que “un proceso como un ERE non pode xestionarse a través de multiconferencias”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Comité de empresa de Unitono en Ourense xa lle trasladou a GSS Line, empresa a que pertence Unitono e o despacho Garrigues que se retiren as medidas propostas e se paralice as negociacións, iniciadas o pasado 6 de marzo coa apertura do período de consultas, debido a que acudir a devanditas reunións iría en contra das recomendación da Organización Mundial da Saúde, do Ministerio de Sanidade e da propia Comunidade de Madrid. “Non podemos xogar coa saúde das persoas e poñer en risco de contaxio a novos colectivos”, apuntan dende o comité de empresa, decisión que respalda o PSdeG-PSOE de Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia tamén o comité de empresa que indica que “só a negociación presencial pode garantir estar en igualdade de condicións a empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras” e afirman que “Ourense non pode permitirse o peche dun negocio que deixaría a máis de 45 familias nunha situación de precariedade”, destacando que “hai que acadar solución e chegar a un acordo xusto para todas as partes”.