Antón Jardón

Artigo : “O corvo e o alcalde [relato]”

«Oh corvo, oh venerábel ave anacrónica, / cal é o teu nome na rexión plutónica? / Dixo o corvo: Xamais». (O corvo, Edgar Allan Poe).

Un corvo de plumaxe avellada, arrogante e insolente, leva máis dun mes auñado na nogueira do Secundino, un dos cinco veciños que habitan as tres casas con fume que hai na Carpaceira, concello de Poutigueiros. O ‘paxaro espía’, vixiante e impertérrito, espreita acotío todo o que acontece na vivenda do sospeitoso. En canto ve mover a porta lánzase contra ela sen piedade e o malpocado home recúa, temoroso, mentres papexa co medo que o infesta e desgana sen remedio. Farto de tanta insolencia, o Secundino marcou o número do concello para esixir medidas que lle garantan o seu dereito a circular tranquilamente, alomenos dentro das propiedades da súa pertenza.

Iker Zoupa, alcalde de Poutigueiros e afervoado devoto do Real Madrid, un nugallán máis coñecido pola aloucada manía de escoitar na radiocasete, “Si amanece que sea lento” de David Bustamante, ca pola ansia de mellorar os servizos públicos, non tardou en responderlle ao Secundino: «Despois de consultalo coa secretaria, entre as competencias municipais non consta a de axotar paxaros».

Así e todo, como unha cousa son as ideas e outra moi distinta son as ocorrencias, dende que se decretou o estado de alarma, ao alcalde férvelle o cu por ir de listo e facer que fai. Da noite para a mañá doutorouse en epidemioloxía e agora non para de presumir da súa sabenza, especialmente na palestra do Facebook. Fártase de ditar bandos sobre o que hai que facer contra o coronavirus. Grava diariamente un vídeo coa súa estampa e envíallo por WhatsApp á veciñanza, mostrando tal firmeza nas súas arrancadas que case afea as comparecencias do propio Dr. Simón. E, dotado do carisma que lle inocula a chambra de protección civil, percorre o municipio cun megáfono para avisar que, diga o que diga o goberno, ninguén pode ir a ningures ata que el lle entregue luvas e máscaras a todo cristo, só pendentes de encolarlle as calcomanías co escudo municipal.

Mais, o Secundino levou unha enorme sorpresa ao ver dende a fiestra como aquel paxaro negro –agora submiso− se pousaba no ombreiro de Iker, o alcalde, ao pasar subido ao tractor municipal sulfatando camiños, corredoiras e todo o que pillaba por diante, co mellor desinfectante contra a pandemia que seica existe no mercado.

Hai uns días o corvo emprendeu o voo e foise cacarexando. Por fin, o Secundino puido saír da casa e, ao andar fóra, constatou que malia estarmos na mocidade da primavera a herba dos cadabullos era acastañada, seca e tristeira, despedindo un fedor que delataba podremia e decadencia. E así foi como chegou á conclusión de que o gran facedor esparexera pola pel de Poutigueiros olas e olas de herbicida, no canto de desinfectante. Ao achegarse ao concello para queixarse de semellante falcatrúa, non atopou a ninguén, agás un fachendoso corvo coas gadoupas enganchadas á cadeira do alcalde.

[O meu tío Lisardo opina que debemos desconfiar dos representates públicos que, amparándose nas nosas calamidades, sobreactúan co pretexto de facer o ben, e así agochar a súa incompetencia, recortar dereitos e invadir a nosa intimidade. O seguinte episodio será ver aos corvos empuñando o bastón de mando].

———————————————————————————————————-

Curriculum Antón Jardón

———————————————————————————————————-

Outros Artigos de Antón Jardón :

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “