Artigo 3 : ” 5 de abril, Domingo de Ramos “

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Antón Jardón (Vilar de Santos, 1952), secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito. Na actualidade é Coordinador do Museo da Limia. Coautor dos libros O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019) e A luz da chuvia (2019), colabora habitualmente con artigos de opinión no diario La Región e nos dixitais Praza.gal e Galicia Confidencial.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Artigo : ” 5 de abril, Domingo de Ramos “

“Eu pra min, as premoniciós haber hainas, mais dixérase que “agardan” que se produzan certos feitos pra manifestáranse”. (Terra brava, Anxel Fole). .

Eran outros tempos. Aqueles si que eran Domingos de Ramos! Sempre aderezados con porfiosas competicións, a ver quen levaba o ramo máis rechamante. Nunha ocasión, disposto a impresionar á freguesía, o Ricardo do Camba presentouse cunha enorme taloira de loureiro, máis longa có pendón das procesións, case decotada ata a punta, onde lle espetara a carola dun nabo que lucía varios grelos floridos.

Nesa cerimonia, ideada pola Igrexa para pórlle fin á Coresma, o ruxerruxe das follas e o aroma do loureiro verde eclipsaban os rancios e repugnantes cheiros a cera queimada, a incenso, a chamusco… a decadencia, en fin. Eran tempos nos que os curas oficiaban en latín e de costas cara a xente, condenándoa a escoitar e soportar as súas aborrecidas andrómenas, agás naqueles instantes de alivio, nos que a mocidade –e outros que non eran tan mozos– aproveitaban o barullo, mesmo para darlle estopa a aqueles piadosos desprecavidos, prestos a escoitar lerias inintelixíbeis. Das lombeiradas nin sequera se salvaba o cura, por atreverse a ir tan campante polo corredor central, sacudindo o hisopo a destro e sinistro. Nin o sancristán, por papaleisón.

Os de agora son tempos de mudanzas. Mais, vista a angostura da canella pola que nos enfían os medorentos a trepar polo descampado, obsesionados en apertar as costuras contra os matices e as compañías necesarias, todo parece indicar que os da alternativa política van ter que aprazar sine die o seu ansiado Domingo de Ramos. E iso talvez aconteza, non polos acertos do señor dos Peares, senón pola teimosía dos outros en perpetuar a Coresma, pretendendo que confundamos o Mércores de Cinsa co Enterro da sardiña, polo simple feito de cadraren no mesmo día, e así permitir que sigamos facendo do xaxún e da abstinencia a nosa forma de vida.

Ah! O meu tío Lisardo sospeita que Feijoo si celebrará o Domingo de Ramos, saboreando outra maioría, a cabalo da nosa burremia irredenta, portando a palma de plexiglás, chea de abelorios, que lle serviu para embobarnos tantos anos seguidos. Mais, como non hai mal que por ben non veña, é probábel que dentro duns meses a leve canda el, se decide deixarnos plantados para mudarse á capital do reino