A Xunta de Goberno destina máis de 600.000 euros para obras en concellos, asuntos sociais, cultura e deportes

 A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe en sesión telemática e presidida polo presidente Manuel Baltar, aprobou a concesión de subvencións por importe de 625.834 euros con destino a obras en concellos e iniciativas sociais, culturais e deportivas. 

Publicidade

No ámbito da cooperación, aprobáronse as seguintes achegas a concellos: 37.600 euros ao Concello de Baltar para a adquisición e limpeza dun inmoble no Couto Mixto; 23.500 euros para o Concello de Beariz con destino á humanización dunha rúa na localidade de Alvite; 50.000 euros ao Concello de Piñor para o programa de prevención de incendios e limpeza de marxes das estradas correspondente ao presente ano; 25.000 euros ao Concello de Porqueira para obras de humanización no acceso á Torre de Forxa; 30.000 euros para obras e infraestruturas en diversos núcleos de poboación do Concello de Porqueira; 23.500 euros ao Concello de Ribadavia para actuacións en infraestruturas educativas; e 42.300 euros para o Concello de Xunqueira de Espadanedo, destinados á reparación e consolidación do muro de contención do Mosteiro de Santa María. 

Xunto cunha achega de 200.000 euros á Fundación Galicia Obra Social correspondentes aos exercicios de 2019 e 2020, a Xunta de Goberno tamén aprobou unha subvención de 6.000 euros para o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia no marco do programa Red.es para iniciativas de teletraballo. 

Por outra banda, no capítulo cultural aprobáronse as seguintes axudas: 8.434 euros á Asociación Cultural Audiovisual Vía XIV para o Festival de Curtas de Verín; 15.000 euros para a Asociación Cultural Pen Club Galicia para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao presente ano; e 20.000 euros á Fundación Ínsua dos Poetas para a reforma do Anfiteatro Nós. 

No tocante ao deporte, as achegas aprobadas foron: 15.000 euros ao Centro de Deportes do Barco de Valdeorras para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2020; 26.000 euros ao Cidade das Burgas Fútbol Sala, tamén para gastos de funcionamento da tempada 2019- 2020; 48.500 euros á Federación Galega de Fútbol para a Copa Deputación 2020; 6.000 euros para as actividades  desenvolvidas neste ano pola Fundación ADO Moure Pro Deporte; e 49.500 euros á Real Federación Española de Atletismo para a organización do Campionato de España de Atletismo en pista cuberta no 2020.