Un ‘túnel do terror’, xogos para cativos, chocolatada e música para celebrar o Samaín no Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Comercio, Emprego e Xuventude, celebra o Samaín 2026 cunha divertida proposta dirixida á mocidade, ás familias e aos máis pequenos e pequenas da vila. A programación inclúe moita diversión, co Túnel do Terror como principal actividade, así como xogos de colchonetas, unha gran chocolatada con bica gratuíta e música pola rúa.

A celebración do Samaín comezará este venres, 30 de outubro, a partir das 19,00 horas co Túnel do Terror na Praza Maior, unha proposta que tivo unha gran acollida o pasado ano entre a cativada. Por outra parte, na Pista Roxa haberá colchonetas para os máis pequenos, e a gran chocolatada na Praza Maior suporá o broche de ouro da xornada.

“Queremos fomentar a participación da mocidade e da infancia nas tradicións locais, dinamizando ao mesmo tempo os espazos públicos e a actividade comercial”, explica Diana González, concelleira de Comercio, Emprego e Xuventude. Nesta liña, dá conta da importancia da chocolatada como “elemento tractor e de convivencia interxeracional”, xa que conta con acceso libre e sen custo para veciños e veciñas de todas as idades.

O sábado, 31 de outubro, haberá animación musical terrorífica polas rúas da vila durante a tarde a cargo da batucada Batucarba.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------