Rebuscando nos sumidoiros

Antón Jardón

Curriculum Antón Jardón


Se o mouro acerta, entón o tesouro non ten máis remedio que seguir ao acertante. Segue como un can ao atopador. (Álvaro Cunqueiro, Os outros feirantes).

Publicidade

A iso das once da mañá, e despois do rutineiro paseíño terapéutico, sentámonos nunha terraza do Parque, Antonio, Delfín e máis eu, para tomar a dose diaria de cafeína. Xa aviados, o home da mesa do lado, con pinta de formal e ben vestido, meteuse na nosa conversa mentres fretaba as mans para acelerar a circulación sanguínea e axotar o frío. Ou iso parecía. O tal non desviaba a ollada dun sumidoiro de en fronte, fedorento e atoado con cabichas, follas e anacos de plástico. Como nós seguiamos de papaleisóns, mesmo chegou a levantar a voz ao preguntarnos se nalgunha ocasión pensaramos nas moedas e outras cousas de valor que a miúdo se enfían polos buracos dos sumidoiros.

Non lle gustou que Antonio discrepase e, adoecido pola quentura do debate, deixou escapar o anel de ouro que levaba nun dedo. Foi roulando de présa e, malia apurar o paso, o intruso non foi quen de pillalo antes de que se coase pola tapadeira do burato, decidido a esvaerse alén da boca do inferno.

O porfión de marras tratou de levantar a tapa, mais dous correúdos parafusos, tesos e enferruxados, opuxéronse rotundamente. Entón, despois de ordenarnos que non nos moveramos do sitio, marchou apurado e, ao pouco rato, apareceu cun frasco de aceite multiusos e dúas chaves, unha grifa e outra inglesa. Mentres se puxo mans á obra, un xentío inmenso toldado pola curiosidade acabou chamando a atención da policía local.

Ao preguntar a autoridade polo que acontecía, un gracioso respondeulle: «Nada importante, axente! Ao parecer, unha covid-19 escapou polos buratos dun sumidoiro». O do uniforme, despois de cualificar ao interlocutor de «símpatico de los cojones», púxese a dar berros por un megáfono esixíndonos que disolveramos a concentración. O das chaves conseguiu sacar a tapa e, ao rebulir na pozanca, sacou un pendente de acibeche, varias moedas de cinco céntimos, tres ou catro dun euro e, finalmente, o seu anel. Colocou a tapa, aparafusouna de novo e dirixiuse a nós completamente enfurecido: «tiña ou non tiña razón, incrédulos do diaño?!» Nós calamos e fómonos.

Aos poucos días avistamos no mesmo lugar dous homes con funda, casco, máscara e luvas, agachados ao pé dunha caixa de ferramentas. A xente pasaba sen prestar maior atención. E nós? Nós ficamos aparvados e imbuídos nun complicado dilema: aqueles tipos serían operarios municipais facendo o seu traballo, cazadores da covid-19 ou alumnos daquel conspicuo buscador de tesouros?

[O meu tío Lisardo non sae do seu asombro ao atopar cada día tanta xente acomodada que se deixa dominar pola avaricia de querer amasar patrimonio furgando onde non debe, aínda que para iso teña que emboutar o sabugo das uñas na merda das cloacas]. 

———————————————————————————————————-

Outros Artigos de Antón Jardón :

” Conichos e fantoches “

” Contando tardes, sobre todo, tardes “

Quen anda aí?

A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco)

“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”

” Sente aqui, señor! “

” A codia das ausencias en tempos adversos “

A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato]

” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “

” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “

Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “

” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “

” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”

” Non hai doce sen trece (corolario) “

” Non hai doce sen trece (segunda parte) “

” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”

” Antollo e o xurelo guisado [relato] “

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “