Antón Jardón
Curriculum Antón Jardón
———————————————————————————————————-
Artigo : “Sente aqui, señor! ”
Ignoro que lugar é este onde me atopo / cos meus ósos e os silencios das palabras.
(Xela Arias, Denuncia do equilibrio).
Coa malura da pandemia, da zarapallada dos confinamentos e dos toques de queda, coa lea dos achegados e co regreso da danza da polca aos boletíns oficiais, cústame ben lembrar a última vez que o vin, ata o punto de que xa non lle dou posto cara, malia coincidirmos tantas veces á mesma hora, durante máis de dous anos, ao pé da barra do mesmo bar.
Antonte vin a Carlos e pregunteille por el. Díxome que leriaran algo hai cousa dun mes ao cruzarse nas escaleiras do edificio e que o atopara algo desmellorado. Ao parecer, Gumersindo –Gumer para nós, Sindo para os demais− estaba moi doído co novo xefe, un raparigo traxado con cabeza de bombilla que, amais de abafalo tódolos días animándoo a pedir a xubilación anticipada, optou por tratalo constantemente de vostede, como se fose un ancián. E Gumer, farto de advertirlle que a el de vostede non o tratan nin os fillos, non lle aguanta esa chulería disfrazada de boa educación. Fora mellor que lle espetara unha somanta de hostias antes ca tratalo así. Nin sequera lle mudou o ánimo cando se meteu na conversa, disposto a excitarlle as papilas gustativas, aquel arrecendo da tortilla de pataca con cebola que lle estaba cociñando Lola, trinta e pico chanzos máis arriba. Gumer debe atoparse moi amolado co trato −o de vostede− que lle dispensa o novo director do banco xa que, no canto de consideralo unha cortesía, estalle sentando como unha desas doenzas que fan avellar a calquera dez anos en menos dunha semana.
Ao velo tan desacougado, e sabendo como sabe que o tipo sempre viaxa en transporte público, tratou de alivialo como puido, mesmo sentenciándolle con absoluta contundencia: «Ata que, ao entrar no autobús, vexas unha señora que se ergue do seu asento para dicirche ‘sente aquí, señor’, non tes porque sentirte un vello». O consello do Carlos debeulle ser remedio de santo porque Gumer seica se botou a correr escaleiras arriba, ansioso de saborear a tortilla que o agardaba no último piso do edificio.
Uns días despois, Carlos telefonoulle para saber como lle ía e, de paso, preguntarlle se xa atopara a señora que lle ofrecera o asento. A resposta de Gumer non se fixo agardar: «Non, aínda non a atopei nin a vou atopar, porque dende que me xubilei nin subín nin teño pensado subir ao autobús».
[O meu tío Lisardo é dos que pensan que o mellor antídoto contra as maluras do ánimo nunca é o que che receita o entendido. Sempre é o que un mesmo é capaz de fabricar].
———————————————————————————————————-
Outros Artigos de Antón Jardón :
” A codia das ausencias en tempos adversos “
” A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato] “
” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “
” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “
” Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte) “
” Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español “
” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “
” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “
” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”
” Non hai doce sen trece (corolario) “
” Non hai doce sen trece (segunda parte) “
” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”
” Antollo e o xurelo guisado [relato] “
” O can vello, o amo e o patrón [relato] “
” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “
” O corvo e o alcalde [relato] “
” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “
” Unha muller confinada no supermercado “
“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”
” 5 de abril, Domingo de Ramos “