Don Alberto e a súa circunstancia

Antón Jardón

Curriculum Antón Jardón


«Yo soy yo y mi circunstancia, y si no la salvo a ella no me salvo yo»

(José Ortega y Gasset, Meditaciones del Quijote)

AVANTAR ACTIVIDADES
Se Ortega tivese que aturar a inoportuna inconveniencia de ser contemporáneo de don Alberto, atoparíase ante un irrefutábel axioma que o obrigaría a voltear a súa célebre reflexión; e ao mellor formularíaa así: Eu son a miña circunstancia e eu, e se non me salvo eu, non a salvo a ela. Claro, a circunstancia tamén tería unha significación distinta.
E, meu dito meu feito, axiña aconteceu o que tiña que acontecer. A comezos de setembro, despois de que o monclovita lle chamase o que lle chamou, tantas veces como vidas ten un gato, don Alberto sufría un inaudito e revelador ataque de ansiedade e, no canto de poñerse teso, saíu do Senado refungando e fincando o papo no peito; arrepentido, como se acabara de confesar o pecado máis grave da súa vida. O substituto daquel coñecido ex alumno do colexio facho-machista, Elías Ahúja, que hai un ano non tiña reparo en facer constar no de-ene-i que nacera nos Peares, foi adestrado polos seus asesores para que, pasara o que pasara, debía limitarse a poñer cara de circunstancia, aínda que os agravios de Sánchez lle abrasasen as illargas da alma. O resto–dixéronlle– xa o resolve o novo looc que ideamos para agocharche a facha de pailán do noroeste que traías cando chegaches á capital. Unha chisca de modestia no topete e unhas gafas de profesor interino de Valores Éticos serán dabondo para distraer ao respectábel público. (E el pensou: Vaia paradoxo!)
Aínda así, don Alberto acovárdase, porque segue atrapado por un pretérito imperfecto porfión do que non pode fuxir: a circunstancia. Pode renegar da lingua, facer como se non souber contar cando lle pregunten pola débeda galega, tratar de convencer á peña de que nunca recortou os orzamentos da sanidade e da educación; mais non poderá ignorar a circunstancia que lle pexa o ser. Un carrapato que lle aperta a gorxa, que o obriga unha vez tras outra a meter a man no peto interior da americana –ese que está tan preto do corazón–, agarrar a carteira, abrila, mirar con cara de nostalxia a estampa onde aparece retratado con Marcial, bicar a do abrazo co de Iberdrola na Praza do Obradoiro e, aproveitando que a lúa sempre se eterniza no cuarto minguante, poñerse a argallar “feixoadas” como un auténtico obseso.
Activa o teléfono, escribe un whatsapp para Moreno Bonilla, coa orde de rebaixarlle os impostos aos ricos e, agochado na escuridade da bocanoite, cítase de inmediato co xefe de Vox nun hotel das aforas de Madrid. Menos mal que, malia a dozura da intimidade, non houbo sexo. De momento. O que seica houbo foi feeling: «Santiago, este é o comezo dunha gran amizade», din que lle dixo o ex galego que quería vivir en Madrid ao camarada da italiana Giorgia Meloni, emulando a Humphrey Bogart na película Casablanca. Xuntos, ocuparemos as páxinas máis gloriosas da historia de España. Primeiro acenderémoslle unha candea ao Cristo Redentor de Rio de Janeiro, para suplicarlle que deixe gañar a Bolsonaro en Brasil e despois distraeremos aos incautos, sementando anacardios nas poulas decruadas polos extremosos, malia sabermos ben que neses páramos tan agrestes só poden medrar os aguzados escambróns que desangran as liberdades e devalan os dereitos conquistados. Maldita circunstancia!
[Ao meu tío Lisardo non lle chista a clase de individuos que renegan acotío da súa circunstancia, para deixarse imbuír polo autoodio, ata descastarse sen remedio.] 

Outros Artigos de Antón Jardón :

O que acontece é insignificante, o importante é o que nos contan

“Don Alberto, o home que perdeu o acento (que nunca tivo)”

“Tempos de pandemia e secura”

“O estado da nación / O estado da ficción”

“A insipidez minguante da esquerda cortesá”

” Don Alberto e a astroloxía luscofusquiana “

Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto.

” Feijoo e a reconciliación coa familia (política) “

” O seu nome fede a pólvora queimada, excelentísimo señor! “

” Feijóo rebenta os freos ao atravesar ao Padornelo “

” Por que te vas, Alberto? “

” Contra o carnaval de Madrid, viva o entroido de Xinzo! “

” Cando as rogativas non dan acabado coa sequía “

” O desencanto de don Claudio “

” Don Claudio e o progreso “

” Vai moito frío en Penalonga “

” A matanza do tempo “

“Unha ovella na tulla do diñeiro”

” Mirando cara a acolá “

” A galiña que pon os ovos sen data de caducidade “

O pan noso de cada día

” Quen ri último, ri mellor “

” Rebuscando nos sumidoiros “

” Conichos e fantoches “

” Contando tardes, sobre todo, tardes “

Quen anda aí?

A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco)

“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”

” Sente aqui, señor! “

” A codia das ausencias en tempos adversos “

A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato]

” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “

” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “

Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “

” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “

” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”

” Non hai doce sen trece (corolario) “

” Non hai doce sen trece (segunda parte) “

” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”

” Antollo e o xurelo guisado [relato] “

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “