A Deputación destina 400.000 euros a formación, emprego, cooperación cos concellos e deportes

Publicidade ASPADISI

A Xunta de Goberno aprobou as bases para a concesión de 20 bolsas de formación “Erasmus rural Interreg” do programa europeo Raia Termal 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou hoxe a concesión de preto de 400.000 euros para emprego, cooperación cos concellos, entidades sociais e culturais e deportes, así como as bases reguladoras para concesión das bolsas de formación “Erasmus rural Interreg”, que se enmarcan no programa europeo Raia Termal para o desenvolvemento do destino turístico e termal da fronteira galego-portuguesa. Cunha dotación de 28.000 euros, as bases establecen a concesión de 20 bolsas individuais de formación para que os participantes adquiran habilidades, coñecementos e competencias dentro dos sectores de actividade e recursos existentes na área xeográfica conformada polos concellos ourensáns de Lobios, Bande, Muíños e Cortegada, e Terras do Bouro e Melgaço en Portugal. 

HIPER MASIDE

Estas bolsas inclúen unha contía económica de 1.200 euros para unha estadía mínima dun mes e máxima de mes e medio, con titorización individualizada e un período de formación previo para coñecer o destino adxudicado a cada bolseiro e o programa. As bases establecen que os solicitantes deberán estar en situación de desemprego e inscritos no Servizo Público de Emprego, estar empadroados na provincia de Ourense ou nos concellos portugueses que participan no programa transfronteirizo, ter 35 ou menos anos de idade e contar con formación universitaria ou FP de grao medio ou superior. 

No ámbito do emprego, a Xunta de Goberno concedeu seis subvencións por un importe total de 51.300 euros dentro do programa EmprendOU para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas, cun valor máximo cada unha delas de 8.550 euros, teñen como destinatarios seis proxectos relacionados cos ámbitos forestal, servizos e industria manufactureira a desenvolver en Oímbra, Lobios, A Veiga, Padrenda e Ribadavia. 

En cooperación cos concellos, Avión recibirá máis de 12.000 euros para un proxecto de actividades culturais, tradicionais e turísticas; o Concello de Cualedro disporá de case 50.000 euros para paliar os danos provocados pola riada de 2019; Chandrexa de Queixa recibirá preto de 48.000 euros para consolidar o acceso a Vozqueimado; Padrenda terá unha achega de 18.000 euros para a adquisición de maquinaria municipal; os concellos de Porqueira e Rairiz de Veiga, 30.000 euros cada un para reparación de maquinaria municipal, e Punxín, 18.500 euros para obras de mellora da rede de saneamento. 

Polo que respecta a cooperación con entidades, concedéronse 20.000 euros á Fundación Aquae Querquennae Vía Nova para gastos de funcionamento, ademais de preto de 8.500 euros á Asociación de Veciños de Solveira (Paderne de Allariz), destinados á adquisición de equipamento para o seu local social. En deportes, a Escudería Ourense recibirá unha subvención de 53.000 para o Rally Ourense 2021, e a UD Ourense contará cunha achega de 30.000 euros para gastos de funcionamento. 

A Xunta de Goberno tamén estableceu os prezos das entradas do torneo internacional de balonmán que se celebrará no Pazo dos Deportes “Paco Paz” os días 28 e 29 de xuño, coa participación das seleccións absolutas de Exipto, Croacia e España, prezos que van desde os 5 ata os 12 euros. Ademais, fixouse en 88 euros a cota de inscrición no campamento de verán “Explora Ourense. English Camp 2021”, que se celebrará en agosto no complexo do Corgo, en Muíños.  

Apuntar finalmente a resolución das alegacións presentadas ao proceso de expropiación dos terreos necesarios para a execución de obras de saneamento e acondicionamento de camiños no Concello da Peroxa.