O parlamento aproba por unanimidade a proposta socialista para dotar a Ourense dunha unidade de ictus

Marina Ortega advirte da discriminación á que a Xunta somete á provincia de Ourense e incide na necesidade dotar o servizo dos necesarios recursos humanos “porque sen eles non haberá esta unidade”

A Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia aprobou hoxe cos votos a favor de todos os grupos a iniciativa da deputada socialista Marina Ortega para reclamarlle á Xunta a dotar á provincia de Ourense dunha unidade de ictus que funcione as 24 horas do día, todos os días do ano. Nela solicitábase tamén que conte cos recursos humanos e materiais necesarios para o seu óptimo funcionamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Alegrámonos de que as nosas demandas fagan reaccionar ao goberno galego”, que tras anunciar a compra de equipamento agora debe garantir tamén os necesarios recursos humanos. “Sen eles”, advertiu Ortega, “non poderá haber esta unidade”.

Dándolle voz aos especialistas que levan tempo alertando das consecuencias de que Ourense non conte con esta unidade, Ortega defendeu hoxe unha proposición non de lei co obxectivo de paliar os prexuízos os que se ven sometidos moitos pacientes, aos que hai que desprazar a outros lugares de Galicia. Hai que “blindar á única provincia galega que carece dunha unidade tan importante”, proclamou.

Esta carencia retrasa o seu tratamento, ao tempo que pon en risco a súa evolución. “Non podemos permitir”, afirmou a deputada ourensana, “que unha soa persoa quede peor por non activar rapidamente todos os recursos que temos á nosa disposición”.

En paralelo, tras remarcar que esta unidade “chega tarde”, Marina Ortega sinalou que “non é xusto dicir que se está facendo dende hai dous meses, cando os propios profesionais o desmentían e alertaban de que non hai recursos materiais e humanos”. Nesta liña, cualificou de “triste e grave” que haxa que agardar á presión da cidadanía ou aos fondos europeos para dar resposta a esta situación, sobre todo cando “a Xunta ten competencias e fondos propios” para actuar.

Na súa intervención, a parlamentaria do PSdeG lamentou ademais que este é un exemplo máis da “discriminación” á que o goberno galego ten sometida á provincia de Ourense. Nesta liña apuntou tamén a falta dun centro adaptado para persoas con discapacidade, nin un so logopeda, pensións e salarios máis baixos ou peores datos demográficos.

Precisamente, Ortega enmarcou a demanda dunha unidade de ictus nun contexto no que Ourense é a provincia co maior índice de envellecemento de toda Galicia e a segunda de toda España. Trátase dun dato significativo, que debería activar políticas de discriminación positiva nos ámbitos ou áreas directamente relacionados co envellecemento.

Ao tempo advertiu de que o ictus é a segunda causa de mortalidade no mundo e vai en aumento. De feito, na provincia de Ourense  incrementáronse os casos, xa que incluso no “ano Covid”, 2020, o CHUOU activou o código Ictus en 222 ocasións.

Explicou asemade que os facultativos atópanse coa imposibilidade de aplicar unha trombectomía mecánica, normalmente para os casos máis graves, polo que a estes pacientes derívaselles a Vigo. Unha situación preocupante “tendo en conta que as primeiras horas tras o ictus son claves para as posibilidades de mellora do paciente”.