O BNG do Carballiño instalou onte pola mañá, coincidindo co día de feira, un posto de propaganda na praza maior do concello para dar a coñecer os actos convocados con motivo do Día da Patria Galega, que se celebra o vindeiro 25 de xullo.
A iniciativa enmárcase dentro da campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a desenvolver por todo o país para promocionar esta data de especial significado para o nacionalismo galego e para a reivindicación da identidade, da cultura e dos dereitos do pobo galego. Este ano, a campaña celébrase baixo o lema “Somos unha nación, soberanía e dereitos nun mundo en paz”.
O cartel da campaña, realizado pola ilustradora e muralista Xoana Almar, incorpora elementos simbólicos como unha pomba da paz cunha rama de oliveira, a tradicional estrela vermella como referencia á transformación social e á liberdade, e dúas mulleres que entrelazan as súas mans nun xesto de sororidade.
A xornada culminará coa manifestación nacional que terá lugar o 25 de xullo ás 12.00 h na Alameda de Compostela. Desde o BNG fixeron un chamamento á cidadanía para participar nesta mobilización, que constitúe unha das principais citas do seu calendario político e reivindicativo, co obxectivo de reclamar unha Galicia con maior capacidade de decisión, máis dereitos e un futuro construído desde o propio país.
Ademais do posto informativo na feira do Carballiño, o BNG vén de organizar outros actos previos na comarca, como o encontro aberto no barrio de Flores, e ten previsto celebrar máis dun cento de actividades en toda Galicia antes da gran manifestación do 25 de xullo.

















