Un rapaz do Carballiño, de 15 anos de idade, foi agredido por dúas mulleres na tarde do pasado martes na Praza dos Irmáns Prieto, nos intres previos á retransmisión do partido das semifinais da Copa do Mundo de fútbol que enfrontaba ás seleccións de España e Francia. A súa nai, Vanesa G.G., presentou unha denuncia formal ante a Policía Local e aportou un parte médico das lesións sufridas polo xove.
O que iba a ser unha tarde de lecer cos seus amigos co aliciente de ver o partido de fútbol converteuse nun pesadelo para o xove carballiñés. Ataviado cunha camiseta da Selección e enarbolando unha bandeira de España, o rapaz xa foi increpado previamente polas dúas mulleres -unha adulta de máis de 20 anos e outra, menor de 16- na colindante Praza da Alameda, con insultos de carácter xenófobo cara aos símbolos que portaba.
Xa na praza dos Irmans Prieto, nun tramo de tempo que a súa nai estima sobre as 19,30 horas- as dúas mulleres en cuestión comezaron a golpear ao xove, derribándoo ao chan e propinándolle puñetazos e patadas, ademais de sacarlle as zapatillas que levaba e lanzándoas lonxe. Un desagradable suceso que non captaron as cámaras de vixiancia que o Concello do Carballiño ten instaladas nesa zona, “porque según me comentaron na Policía Local aínda non están funcionando”, apunta Vanesa.
“Vou ir ata o final para que as persoas que agrediron ao meu fillo reciban a sanción correspondente”, asegura Vanesa. E neste sentido, fai un chamamento “a todas as persoas que neses intres se atopaban na praza, que eran moitas pola expectación do partido, sexan solidarias e poidan testemuñar se presenciaron a agresión e así identificar ás culpables”.

















