A ‘Festa do Pulpo’ adiántase cunha programación de tres semanas e máis de 40 actividades de lecer

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un amplo programa de actividades anticipará nas vindeiras tres semanas a celebración da Festa do Pulpo do Carballiño, que acadará a súa 64ª edición o vindeiro domingo 9 de agosto, nesta ocasión adicada á Illa de Lanzarote. Unha programación que se iniciará este vindeiro venres, 24 de xullo, coa segunda edición da ‘Mostra de Viños’, no que ata o domingo 26 participarán oito adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e unha da Regiâo do Alto Douro procedente de Alijò, localidade portuguesa irmandada coa vila do Arenteiro.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño prepárase para desfrutar da 64ª Festa do Pulpo, que este ano inclúe máis de 40 actividades durante tres semanas de celebración. A programación arranca este venres, día 24 de xullo, coa terceira edición da Mostra de Viños, e remata o día grande, o domingo 9 de agosto, coa Festa do Pulpo. Milleiros de persoas se darán cita ao longo destas semanas na vila para desfrutar da tradición, da gastronomía e da cultura. “Para nós é un auténtico orgullo ver un verán máis a vila chea de xente que participa das actividades e do ambiente festivo”, apuntou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación da programación. “Ademais de citas tan importantes como a elaboración da tapa ou a propia Festa do Pulpo, temos unha oferta variada para todas as idades e novidades como o Día da Emigración”, resaltou Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria.

As entradas para xantar no recinto oficial da Festa do Pulpo sairán á venda o próximo martes, día 28 de xullo, ás 9,00 horas. As persoas interesadas deben acudir á planta baixa da Casa Consistorial para adquirilas (cada entrada custa 50 euros). Por outra banda, o prazo para inscribirse no concurso da Festa das Camisetas xa está aberto e finaliza o próximo 5 de agosto. Para participar é preciso dirixirse ás dependencias municipais do departamento de Cultura, no segundo andar do Casa Consistorial, en horario de 8,00 a 14,30 horas, de luns a venres.

A programación arranca este venres coa III Mostra de Viños

A programación da 64ª Festa do Pulpo comeza este mesmo venres, día 24 de xullo, ás 20,00 horas coa inauguración da III Mostra de Viños, que se celebrará ata o domingo, día 26, na Praza Maior. Un total de nove adegas, oito da DO do Ribeiro e unha de Portugal, participan nesta cita, que cada ano gaña en participación. Durante os tres días haberá ambientación musical e concertos con grupos como Feitizo de Pau, Zeltia Irevire ou a Banda de Gaitas e Danzas do Irixo. O sábado e o domingo, as adegas permanecerán abertas de 12,00 a 15,00 horas e de 20,00 a 00,00 horas. “Quero destacar a colaboración da Concellería de Comercio, que participa tamén para facer posible este evento”, sinalou Dacal.

O sábado 25, o Auditorio Municipal acollerá o XXXII Festival de Habaneras, organizado polo Orfeón do Carballiño. A partir das 20,30 horas, a poboación poderá desfrutar da música coral do Orfeón Loureiro de Portugal, da Coral Renfe de Monforte, a Rondalla Alfaia de Cenlle e os anfitrións, o Orfeón do Carballiño.

Desde o luns, día 27, ata o xoves, día 30, os máis cativos do Carballiño poderán divertirse coas actividades da Semana Grande Para Pequenos. A programación inclúe festa de auga, da escuma, xincana e festa holly. O espazo será a Praza da Veracruz, excepto o xoves, que será na Praza Maior.

O mércores 29 o grupo de pop rock Tacrolimus actuará na Praza Maior a partir das 20,30 horas. Ao día seguinte, xoves 30, a Biblioteca Municipal acollerá ás 12,00 horas a actividade de animación á lectura “Tralará. Contos, obxectos e música”, enmarcada no programa Ler conta moito.

O venres 31 haberá dobre cita. Pola mañá, a Feira estará animada coa música do grupo tradicional “Polo pan baila o can”, que actuará polas rúas da vila a partir das 11,00 horas. Xa pola tarde, a Praza da Veracruz acollerá o concerto de Burning, enmarcado no Festival Ou Yeah! Ademais de música, o evento contará coas propostas culinarias da asociación Cociña Ourense. A cita conta co patrocinio da Xunta e do Xacobeo 2026.

O sábado 1 de agosto celebrarase o Día da Emigración, unha das principais novidades deste 2026. A cita arrancará ás 20,00 horas e contará co concerto de Carlos Bao&80 razones, tributo a Hombres G e El Canto del Loco, e o grupo Lo mejor del último. “Neste caso, queremos agradecer a colaboración da Xunta a través de Emigración”, apuntou Dacal.

O domingo 2 de agosto, o grupo Hechizo de Nora e Nizam actuará na Praza Maior ás 20,00 horas. Ao día seguinte, luns 3, será o concerto de Amigos do Acordeón de Celanova, ás 20,30 horas na Praza Maior.

O martes, día 4 de agosto, celebrarase unha das datas máis importantes da programación: a elaboración da tapa de pulpo máis grande do mundo. Un ano máis, os pulpeiros e pulpeiras da Asociación de Pulpeiros do Carballiño enfrontaranse ao reto culinario na Praza Maior, a partir das 20,00 horas. DJ Tibu e Os Serandeiros encargaranse da ambientación musical.

O mércores, día 5, a Banda de Gaitas Os Catro Ventos ofrecerá o concerto na Praza Maior ás 21,00 horas. “É unha escenificación teatral preciosa, dunha feira antiga, con curas, garda civil…”, detallou o concelleiro de Turismo.

O xoves, día 6, será a Changaranga a que actúe polas rúas da vila, e tamén se levará a cabo a proxección da película “Lúas do setembro” de Carlos Montes na Praza Maior. Ao día seguinte, venres 7, actuará o Septeto Nabori, que tocará cancións de Cuba.

O sábado, día 8, a Casa Consistorial acollerá a recepción oficial das autoridades convidadas, chegadas desde Lanzarote -a quen se lle adica esta edición da Festa do Pulpo-, Alijó (Portugal), Mogán e Noventa Padovana (Italia). Xa pola tarde terá lugar a Festa das Camisetas na Praza Maior desde ás 18,00 horas. A cita contará coa ambientación musical de DJ Tibu e Batucarba.

Xa o domingo, o día grande, celebrarase a 64ª Festa do Pulpo a partir das 11,00 horas. Nas rúas da vila haberá ambientación musical desde esa hora con Castro Bello, Doctor Anchoa, Ademais dos postos de artesanía e das tabernas e pulpeiras, haberá ambientación musical con Castro Bello, Doctor Anchoa e Os Serandeiros. No Parque Municipal haberá música tradicional ata as 18,00 horas con Feitizo de Pau, Catro Ventos, As Mainas, Feixoada, Pataghullos e Oviravai. Ás 18,00 horas comezará a Festa da Xuventude e xa á noitiña, ás 21,00 horas, actuará a Orquestra Chanel na Praza Maior.

Outras actividades

A programación da Festa do Pulpo tamén inclúe exposicións fotográficas que o público pode visitar de balde. A Casa Consistorial conta coa mostra “Islandia” do fotógrafo Albert Brull, que se pode visitar en horario de 8,00 a 14,30 horas. A Asociación Fotográfica O’Potiños, pola súa parte, impulsa as exposicións Branco/Negro de Potiños (Casino), Pon unha foto na rúa (Edificio Ramón), Marruecos de Potiños (Asador Vera Cruz), Mosteiro de Oseira (no Café Plaza e no Hotel Arenteiro), Seve Viaje (Galerías Ango), Recunchos das aldeas (Balneario do Carballiño), Concurso 25 (Cafetería Manxares) e Detalles da Vera Cruz (Cafetería Amelie).

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------