Comunicado da Plataforma PROCAP

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Plataforma PROCAP, integrada por familias de persoas con discapacidade, manifesta a súa preocupación ante as informacións coñecidas nos últimos días sobre o funcionamento do CAPD de Ourense.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A nosa plataforma non participa na confrontación política. O noso único compromiso é coa defensa dos dereitos das persoas con discapacidade e das súas familias e coa mellora da calidade dos servizos públicos que reciben.

As familias non queremos coñecer a situación dos centros a través dos medios de comunicación. Queremos ser informadas directamente pola Administración e manter unha comunicación fluída e permanente sobre aquelas cuestións que afectan ás persoas usuarias.

Desde a Consellería trasladóusenos en diferentes ocasións o compromiso de informar e manter unha interlocución directa coa Plataforma PROCAP. Porén, ese compromiso non se cumpriu e seguimos sen contar cunha canle estable de información e diálogo.

Así mesmo, levamos tempo trasladando á Administración a nosa preocupación pola insuficiencia de persoal e pola ausencia dalgunhas das especialidades profesionais previstas e necesarias nun centro destas características, como enfermaría e fisioterapia. Consideramos que dotar o centro dos recursos humanos adecuados é unha condición indispensable para garantir unha atención integral e de calidade.

Tamén solicitamos que todas as cuestións que están a xerar preocupación entre as familias sexan aclaradas con rigor, transparencia e celeridade. A mellor maneira de evitar rumores é ofrecer información veraz, completa e no momento oportuno.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Desde PROCAP reiteramos a nosa disposición ao diálogo e á colaboración leal, pero tamén reclamamos ser escoitados e participar naquelas decisións que afectan directamente ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

As persoas usuarias e as súas familias merecen transparencia, respecto e uns recursos suficientes. Ese é, e seguirá sendo, o único interese que move á Plataforma PROCAP.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------