O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu debate plenario na que solicita “non se traslade a Festa DJ á finca das Barcias”, en referencia ao cambio de ubicación anunciado polo Concello do Carballiño para a celebración xuvenil que durante a ‘Festa do Pulpo’ tradicionalmente tiña lugar na contorna do restaurante O Pote e a zona residencial. Asemade, piden que “se elabore un regulamento para a organización da Festa do Pulpo que sexa vinculante para as sucesivas corporacións e que obrigue a acadar consensos nas decisións importantes”.
Esta formación da oposición na Corporación califica de “incomprensible” a decisión do devandito traslado “sen encomendarse a ninguén nin consensuar nada”. Consideran que “os motivos de seguridade aducidos son máis que dubidosos e a ubicación elixida, nas Barcias, semella tan ou máis insegura cá anterior”.
Dende Espazo Común lembran que “por outra banda, levamos anos advertindo do paulatino baleirado de actividades e de pulpeiras no Parque Municipal o domingo do Pulpo para potenciar a súa presenza no casco urbano” e cifran en 11 os postos de pulpo que estarán presentes na paraxe natural o vindeiro 9 de agosto, data do evento gastronómico.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Tamén citan outros aspectos que consideran negativos para a boa marcha do festexo, como “a incomprensible suba constante do prezo do xantar oficial no recinto, que e espanta a moitos comensais que tiñan a tradición de non faltar ese día á súa cita co Carballiño”, “a teima de non trasladar o evento do prato de pulpo máis grande do mundo a un lugar máis amplo” ou “a perda de calidade das actuacións e eventos que se programan durante a semana, que son tamén motivo de queixa de moitos cidadáns”.
















