A III Mostra de Viños do Carballiño enxalza esta fin de semana a calidade das adegas da DO Ribeiro e de Portugal

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño impulsa a terceira edición da Mostra de Viños, unha cita que cada verán promociona os mellores viños da contorna e os marida con música e actuacións en directo. “Estamos moi satisfeitos de contar coa participación de viños de gran calidade da nosa xeografía, así como de recibir por primeira vez unha adega portuguesa”, destaca Manuel Dacal, concelleiro de Turismo. A III Mostra de Viños, ademais, dá o pistoletazo de saída da programación da 64ª Festa do Pulpo, que ofrecerá máis de 40 actividades culturais e lúdicas ata o domingo 9 de agosto.

Un total de nove adegas participarán no evento: Eduardo Bravo, Pazo Tizón, Casal de Armán, Viña Carpazal, Viña Costeira, Eladio-Arco da Vella, Eulogio Collarte, Adega As Pegas e Casttêdo Valley Douro. Esta última firma procede de Alijó, a localidade lusa irmandada co Carballiño en 2004. “É unha boa oportunidade para descubrir novos viños e desfrutar dun ambiente único”, engade Dacal, quen agradece a colaboración da Concellería de Comercio na organización da mostra.

O recinto, situado na Praza Maior, abrirá as súas portas mañá, ás 20,00 horas, coa animación musical do grupo Feitizo de Pau. Ata as 00,00 horas, o público poderá degustar os viños, así como desfrutar da música en directo.

O sábado, a mostra estará aberta de 12,00 a 15,00 horas, con animación dun grupo de música tradicional do Carballiño, e de 20,00 a 00,00 horas. Ás 23,00 horas terá lugar o concerto do grupo de folk tribal Zeltia Irevire.

Xa o domingo, o recinto abrirá de 12,00 a 15,00 horas, con animación do Cuarteto de Música Tradicional do Irixo, e de 20,00 a 00,00 horas. Ás 20,00 horas actuará a Banda de Gaitas e Danzas O Irixo, que celebrou este ano o seu 50 aniversario.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------