Espazo Común Punxín critica “ocorrencias” do tenente de alcalde como a do proxecto de centro multiusos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Espazo Común Punxín vén de amosar a súa sorpresa polo anuncio -que califican de “ocorrencia”- feito polo tenente de alcalde do Concello, Eladio Fernández, de levar a cabo un proxecto de centro multiusos de 5.000 metros cadrados no municipio, “que, segundo el, servirá para combater a despoboación”.

Dende esta agrupación política consideran que “a realidade é ben distinta. Punxín perde veciños ano tras ano, as parroquias baléiranse, a poboación envellece e os servizos deterióranse. E fronte a esa situación, a prioridade do goberno parece ser construír outro edificio. A pregunta é evidente: para que? Xa existen espazos municipais infrautilizados. O problema non é a falta de locais, senón a ausencia de actividade, programación e planificación”, e poñen coma exemplo Vilamoure e outros centros practicamente pechados fala por si só.

Engaden que, “mentres tanto, o concello segue abandonado: estradas cheas de fochancas, camiños invadidos pola maleza, unha imaxe lamentable na recollida do lixo e instalacións municipais que precisan mantemento. Esa é a realidade diaria dos veciños. Como vai frear a despoboación un edificio baleiro? Vai crear emprego? Vai atraer familias? Vai recuperar servizos? Evidentemente non. Porque o problema de Punxín non é a falta de cemento, senón a falta dun proxecto político serio”.

Desde Espazo Común Punxín aseguran defender “outra orde de prioridades: primeiro arranxar as estradas, limpar os camiños, manter as instalacións existentes e garantir uns servizos públicos dignos. Iso é facer política útil”. “Porque mentres membros do goberno seguen fabricando titulares, Punxín continúa perdendo poboación, oportunidades e calidade de vida. É hora de abandonar a propaganda e empezar a gobernar pensando nos veciños”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------