Sorteos, música en directo, degustacións e moito comercio local foron os ingredientes principais dun novo ‘Domingo Vivo’ na contorna patrimonial de Ribadavia. Unha xornada de lecer promovida polo Concello de Ribadavia e a Consellería de Comercio da Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar o casco histórico e convidar á veciñanza e visitantes a descubrir o que ofrece esta vila.
A céntrica Praza de San Xoán foi o primeiro epicentro do evento dominical, coa celebración do sorteo da campaña ‘Rasca e Gaña’, unha iniciativa que recompensa a fidelidade da clientela dos establecementos participantes. Cada compra realizada nos comercios adheridos dá acceso a máis de 1.000 agasallos directos, ademais da participación no sorteo mensual que se celebra o primeiro domingo de cada mes. O director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, participaron na entrega dos premios ás persoas afortunadas.
A continuación, a música da solista Marietta logrou espertar o ánimo do público coas súas melódicas cancións e fixo bailar a máis dunha parella na praza, onde diferentes establecementos ofreceron tamén degustacións de viños do Ribeiro, cervexas artesanais e sidras, permitindo descubrir parte da riqueza gastronómica e produtiva da comarca.
A xornada tivo a súa continuidade na Praza Maior coa actuación de Iago Vázquez, completando unha mañá pensada para pasear polo casco histórico, coñecer o comercio de proximidade e gozar dunha proposta de lecer diferente.
E, o máis importante, veciños e visitantes tiveron a oportunidade de descubrir a oferta dos sete establecementos adheridos ao programa ‘Vilas Vivas’: O Escaparate, A Casa da Artesanía, O Colmado de Sabores, A Tahona no Camiño, O Recuncho do Birrán e Sarto e Soños e o Sesentaeoito, a nova aposta de Viña Costeira pola comercialización dos seus produtos. Todos eles como representantes da diversidade do comercio ribadaviense, combinando artesanía galega, moda, gastronomía, viños do Ribeiro e produtos de proximidade.
A esta oferta sumouse un establecemento efémero, que nesta ocasión acolleu un posto de artesanía especializado en produtos elaborados en papel e artigos naturais, e no que tivo lugar un obradoiro de elaboración artesanal de gravados.
A proposta completouse coas rutas guiadas de ‘Vilas Vivas’, unha experiencia que continuará durante todo agosto e setembro e que permitirá descubrir espazos de Ribadavia que, por primeira vez, abren as súas portas ás visitas guiadas. As persoas participantes poderán escoller entre dous percorridos: “Grandes mosteiros, conventos e capelas”, un itinerario para coñecer o legado relixioso e nobiliario da vila e da súa contorna, e “Antigas igrexas románicas, centro histórico e barrio xudeu”, unha ruta centrada na Ribadavia medieval e na pegada da comunidade xudía ao longo dos séculos.
As visitas desenvólvense de xoves a domingo, con diferentes horarios segundo a ruta, terán unha duración de preto de dúas horas e un prezo de 12 euros por persoa. As reservas poden realizarse chamando ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 675 55 85 45, así como a través da web www.genuinegalicia.com.
















