Leiro decreta que a auga de Serantes non é apta para o consumo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A crise de abastecemento en Serantes deixa en evidencia a nula previsión do goberno municipal de Leiro: de escusas demográficas a bandos oficiais de auga non apta para o consumo Os concelleiros da oposición denuncian que o executivo local tenta camuflar anos de inacción e mala xestión tirando do tópico do aumento poboacional no verán, mentres a realidade é un bando que prohibe consumir a auga nos grifos. O goberno municipal recorre á improvisación con camións cisterna de gran capacidade —similares aos de extinción de incendios— para paliar unha emerxencia estrutural que se arrastra por non facer os deberes durante o resto do ano.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Exíxense explicacións inmediatas e rigor na xestión dun servizo básico que deixa aos veciños e veciñas sen garantías sanitarias nas súas vivendas.

Leiro, 11 de agosto de 2026. Ante as recentes declaracións públicas do alcalde intentando xustificar a grave crise de abastecemento de auga que sofre o municipio, os concelleiros da corporación municipal queren manifestar a súa rotunda condena ante a improvisación, a falta de planificación e a escasa resposta institucional ante un problema tan sensible como a saúde pública e a auga de consumo. Unha realidade insostible na parroquia de Serantes O pasado luns, o propio goberno municipal tivo que emitir un bando oficial recoñecendo o que xa era insostible para os veciños: a auga subministrada na rede de Serantes-Paredes non é apta para o consumo humano. Esta cualificación limita de xeito drástico o uso do recurso a meras tarefas de limpeza, aseo ou fregar, obrigando ao Concello a poñer en marcha un operativo de urxencia con camións cisterna de gran capacidade —semellantes aos empregados en tarefas de extinción de incendios— para achegar caudal aos depósitos.

Fronte a esta emerxencia sanitaria e de abastecemento, a resposta do rexidor municipal limitouse a buscar coartadas demográficas, argumentando un suposto aumento de poboación, a compravenda de vivendas e a alta ocupación estival. Para a oposición, este argumento constitúe “unha tomadura de pelo aos veciños e unha desculpa de manual para ocultar a incompetencia na xestión”. A demografía non é unha escusa para a improvisación O incremento estacional da poboación en municipios rurais coma Leiro durante o período estival non é un fenómeno novo, nin unha sorpresa que xurda de onte para hoxe; é unha realidade estrutural coñecida e previsible para a que calquera goberno con miras de futuro debe planificar con meses de antelación. Botar man do censo e da afluencia de verán cando rebenta o problema demostra unha falta absoluta de modelo de xestión.

Resulta inaceptable que, mentres se destinan recursos municipais a despachos, informes e outras prioridades alleas ao día a día, a rede de abastecemento continúe presentando graves deficiencias,fugas estruturais e unha vulnerabilidade extrema ante calquera variación do consumo. Pretender culpar aos veciños e ao incremento estival é a clara demostración dun goberno municipal desbordado, sen proxecto e sen capacidade de reacción, cuxa única política hoxe en día son os bandos de urxencia, a improvisación con cisternas e os parches de última hora. Dende a representación municipal exiximos responsabilidades políticas reais, transparencia absoluta na xestión dos recursos hídricos e que se deixen de lanzar cortinas de fume para esconder unha pésima planificación que pagan directamente os veciños e veciñas de Leiro nos seus grifos. Os problemas estruturais exixen solucións estruturais, non escusas estivais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------