A formación nacionalista alerta do impacto do proxecto sobre a biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio e cuestiona a súa compatibilidade ambiental.
O BNG da Arnoia-A Limia reclama á Xunta de Galiza que non autorice o Parque Eólico Cantanarrás nin as súas infraestruturas de evacuación, ante os importantes impactos que o proxecto pode provocar sobre o territorio, a biodiversidade e o patrimonio da comarca.
A formación nacionalista lembra que o proxecto se sitúa nun emprazamento no que xa existira un similar, o Parque Eólico Fonsanta, para o que a Xunta emitiu unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable.
Desde o Bloque consideran insuficiente a avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos que Cantanarrás tería xunto cos parques eólicos e demais infraestruturas enerxéticas existentes ou previstas nas comarcas da Limia e a Baixa Limia.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O proxecto afecta directamente ao Concello de Rairiz de Veiga, onde está prevista a instalación de cinco dos aeroxeradores do Parque Eólico Cantanarrás. Desde o BNG da comarca advirten de que esta nova infraestrutura suporía unha transformación permanente da paisaxe e podería afectar elementos do patrimonio natural e cultural, incluída a súa incidencia visual desde o Camiño da Prata.
Silvia Piñar, membro da Plataforma STOP Eólicos e concelleira do BNG no Concello de Baltar, advirte da dimensión territorial do proxecto: “Non estamos falando só de cinco aeroxeradores en Rairiz de Veiga, senón dun novo proxecto que se suma a unha presión eólica cada vez maior sobre A Limia e a Baixa Limia. Non podemos aceptar que os nosos concellos vaian acumulando infraestruturas enerxéticas sen que se teñan en conta os seus efectos sobre a paisaxe, o patrimonio e a vida das persoas que habitan este territorio”.
O BNG advirte de que non se pode asumir como normal a presenza cada vez maior de liñas, aeroxeradores e outras infraestruturas nun territorio que xa soporta unha elevada presión enerxética. Neste sentido, a formación nacionalista considera tamén necesario abordar unha moratoria eólica mentres a Xunta continúa coa elaboración do novo Plan Eólico de Galiza e define as novas Zonas de Aproveitamento Eólico.
“Non ten sentido seguir autorizando novos proxectos mentres se está a deseñar o modelo eólico que debe ordenar o territorio nos próximos anos”, sinala Marcos Nogueiras, responsable comarcal do BNG Arnoia-A Limia, quen reclama que calquera nova planificación teña en conta a realidade dos territorios que xa soportan unha elevada concentración de infraestruturas enerxéticas.
A formación nacionalista reclama así á Xunta que non dea luz verde ao Parque Eólico Cantanarrás e que priorice a protección do territorio, da paisaxe, do patrimonio e dos valores naturais da comarca fronte á implantación indiscriminada de novas infraestruturas enerxéticas.


















