O ‘Arenteiro Fotográfico 2026’ contará con 16 exposicións e a masterclass do prestixioso Mario Cea

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, colabora un ano máis no ‘Arenteiro Fotográfico 2026’ impulsado pola asociación O’Potiños, unha cita que en cada edición reúne na vila a máis afeccionados á arte da imaxe. O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do avance do festival, que se levará a cabo entre o 12 de setembro e o 30 de outubro no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño. “Trátase do gran encontro fotográfico do noroeste peninsular: é un espazo para compartir fotografías de gran calidade, encontrarse con outros fotógrafos e formarse”, destacou Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen agradeceu o “gran traballo” que realiza O’Potiños a prol da cultura e da fotografía no Carballiño.

O Arenteiro Fotográfico contará con 16 exposicións nas que o público desfrutará de traballos de fotógrafos locais e doutras zonas de Galicia e España. “Este ano temos unha novidade moi interesante: cinco dos nosos fotógrafos do colectivo tamén expoñen”, detallou Manuel Blanco, presidente da asociación O’Potiños.

Ademais, a programación inclúe unha masterclass o 19 de setembro co prestixioso fotógrafo Mario Cea, gañador de máis de 80 concursos a nivel nacional e internacional polas súas imaxes de animais. “As inscricións están abertas desde hoxe xa que, aínda que é unha actividade gratuíta, o aforo é limitado”, engadiu Blanco. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a info@potinos.com para anotarse. “Mario vainos explicar como fai as súas fotografías, vainos falar da súa traxectoria e estará aberto a todas as preguntas que a xente queira facer”, apuntou o presidente de O’Potiños.

Pola súa parte, Noelia Mares, do Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño, outra das entidades colaboradoras, puxo en valor o traballo da asociación fotográfica: “O’Potiños sitúa ao Carballiño no mapa cultural a través da fotografía, e cada vez son máis as persoas que nos visitan para desfrutar da súa programación”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------