O gran espectáculo das Xornadas de Folclore chega esta noite ao Carballiño coas actuacións de Ecuador, Serbia e Taiwán na praza da Veracruz

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A vila do Arenteiro acollerá esta noite unha das etapas desta 41ª edición das Xornadas de Folclore da Deputación Provincial de Ourense e co marco incomparable do auditorio da Praza da Veracruz como escenario. Serán tres as agrupacións que foron seleccionadas pola organización para o seu desprazamento ao Carballiño: Ecuador, Serbia e Taiwán, que ofrecerán as súas espectaculares danzas a partir das 22,30 horas.

O templo, o segundo gran proxecto construído en Galicia polo arquitecto Antonio Palacios de toda a serie de traballos de temática relixiosa, engadirá para  o público asistente unha xoia arquitectónica a unha noite chea de raíces tradicionais a través da danza e a música.

Así, nesta emblemática praza oa asistentes terán a oportunidade de desfrutar dos grupos artísticos Folk Dance Group ‘Tucovic’, de Serbia; Elenco Ñukanchik, de Ecuador, e Yitzy Folk Dance Theatre, de Taiwán.

A presenza do grupo taiwanés Yitzy Folk Dance Theatre nas Xornadas ten este ano  unha compoñente emotiva moi especial: cumpren trinta anos. A dirección artística do mesmo expresou o seu desexo de estar nesta edición para lembrar que foi xusto neste evento ourensán, en1997, cando iniciaron a súa traxectoria de recoñecemento internacional.

Fundado en Tainan, a antiga capital e corazón cultural de Taiwán, o grupo naceu co obxectivo principal de preservar e revitalizar o folclore e as tradicións taiwanesas a través da innovación, integración e intercambio cultural, compartindo o diverso e vibrante legado do seu pobo. A través do seu repertorio, o grupo representa cerimonias relixiosas, lendas, feitos históricos e bailes de traballos e festividades, ofrecendo unha ampla representación da cultura tradicional chinesa. Nos seus trinta anos de existencia, este grupo ten participado en máis de oitenta cidades de todo o mundo en preto de 300 festivais de folclore. Dende 2018 acolle, xunto con grupos de Xapón e Corea do Sur, o Festival Mundial de Danza Étnica que inclúe seminarios, talleres e actuacións nos tres países, usando o baile tradicional como elemento vinculante.

Tamén hoxe, en Xinzo de Limia, os grupos de Armenia, México e Senegal participarán nun desfile que iniciará o seu percorrido, ás 20,00 horas, no Parque do Toural e finalizará na Praza Carlos Casares ás 20,30 horas para comezar as esperadas actuacións, nos dous pases habituais, nunha das citas máis esperadas do verán. 

Onte: Entrimo e Castro Caldelas

O folclore do mundo conquistou esta pasada noite ao público de Entrimo e Castro Caldelas. Os 77 compoñentes, entre músicos e danzantes, que forman as agrupacións artísticas de Armenia, México e Senegal amosaron na Alameda de Entrimo un amplo abano dos distintos folclores que forman parte da ampla cultura de cada un dos países.

E ata a Praza de Prado de Castro Caldelas viaxou o grupo máis numeroso, o formado polos 92 artistas procedentes de Ecuador, Serbia e Taiwán, que ofreceron aos asistentes ao Festival a oportunidade única de gozar das tradicións ancestrais asentadas en tres continentes diferentes.

Mañá:  Viana do Bolo e Pobra de Trives

A Praza Maior de Viana do Bolo recibirá, ás 22,30 horas, na Praza Maior aos grupos procedentes de Ecuador, Serbia e Taiwán. Á mesma hora, as agrupacións de Armenia, México e Senegal iniciarán o Festival no Patio de Santa Leonor en Pobra de Trives. Tódalas actuacións son gratuítas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------