O persoal de vixiancia do Servizo de Incendios Forestais reclama á Xunta unha revisión das súas categorías, niveis e condicións de traballo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O colectivo de vixiantes dos puntos de vixilancia e emisoristas-vixiantes do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Galicia reclama á Administración autonómica un recoñecemento profesional acorde coas funcións, responsabilidades e evolución tecnolóxica que asumiron nos últimos anos. O persoal que presta servicio nestas categorías considera que o actual encaixe profesional non responde adecuadamente á realidade do traballo que desenvolven, especialmente nun sistema de prevención e detección de incendios forestais cada vez máis complexo e tecnificado.

O traballo dos vixiantes de caseta vai moito máis alá da simple observación desde unha torre ou caseta. Entre as funcións desenvolvidas atópanse a detección temperá dos incendios, localización e comunicación dos focos, seguimento da evolución, observación das condicións meteorolóxicas, coñecemento profundo do territorio, contraste de información, descarte de falsas alarmas e comunicación continua cos centros de coordinación ata o control da incidencia.

Do mesmo xeito, os emisoristas-vixiantes dende os centros de coordinación desempeñan funcións fundamentais de recepción, tratamento e transmisión de información, coordinación das comunicacións e apoio á toma de decisións operativas, utilizando ademais ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que se incorporaron ao operativo ao longo dos anos, soportando o elevado nivel de estrés propio da xestión das emerxencias y a necesidade de inmediatez na xestión da información e na toma de decisións. Desde o colectivo sinalan que se produciron importantes cambios nas funcións e nos medios empregados, mentres que o recoñecemento profesional non evolucionou na mesma medida.

Reivindicacións

A principal reivindicación é que a Administración abra unha negociación específica sobre a clasificación profesional dos vixiantes e emisoristas-vixiantes, tendo en conta as funcións efectivamente realizadas, a responsabilidade asumida, a cualificación necesaria e a evolución do sistema de prevención e defensa contra incendios. Para o persoal funcionario, o colectivo considera que debe estudarse a reclasificación ao subgrupo C1, que permita adecuar a retribución e o grao de cualificación profesional ás funcións reais. No persoal laboral, reclámase igualmente unha revisión da clasificación, defendendo como referencia a mellora cara ao grupo III.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------