O proxecto é un dos 26 seleccionados pola Xunta de Galicia para o financiamento de investimentos municipais estratéxicos e contará tamén co cofinanciamento da Deputación de Ourense
A actuación permitirá recuperar e modernizar por completo unha infraestrutura clave para o colexio, a veciñanza e as entidades deportivas, na que o Concello xa investiu 260.000 euros nos últimos anos
O Concello de Boborás acometerá a reforma integral do Pavillón Municipal de Boborás, unha actuación cun investimento de 1,2 millóns de euros que permitirá renovar e modernizar unha infraestrutura esencial para o municipio e ampliar de maneira significativa as posibilidades de uso deportivo, educativo e social destas instalacións.
O proxecto de Boborás é un dos 26 seleccionados pola Xunta de Galicia para recibir financiamento destinado a investimentos municipais estratéxicos. A actuación estará financiada pola Xunta de Galicia e cofinanciada pola Deputación de Ourense, facendo posible abordar unha intervención de gran envergadura que completará as melloras realizadas polo Concello durante os últimos anos.
De feito, esta actuación parte do traballo desenvolvido previamente nas instalacións. Nos últimos anos investíronse xa 260.000 euros na reforma integral dos vestiarios e das salas deportivas do pavillón, renovando espazos interiores e sentando as bases para a transformación completa que agora se vai acometer.
Unha renovación integral das instalacións
A nova intervención contempla a renovación da cuberta e das fachadas, o reforzo da estrutura e a mellora do illamento do edificio. O proxecto aposta tamén por abrir o pavillón ao exterior, favorecendo a entrada de luz natural e conseguindo unhas instalacións máis modernas, eficientes e confortables.
A actuación inclúe ademais a instalación dun novo pavimento deportivo, a construción de novas gradas e melloras substanciais nos sistemas de iluminación e ventilación, así como na acústica, seguridade e accesibilidade.
O prazo estimado para a execución das obras será de 12 meses.
Un pavillón para o colexio, a veciñanza e os clubs deportivos
A reforma permitirá recuperar plenamente o pavillón como un equipamento ao servizo de todo o municipio e, especialmente, do CEIP Nosa Señora de Xuvencos, que poderá contar cun espazo cuberto e adecuado para desenvolver actividades físicas e deportivas ao longo de todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.
As novas instalacións permitirán tamén ampliar a programación de actividades deportivas e saudables dirixidas á veciñanza de todas as idades.
Ao mesmo tempo, o pavillón poderá reforzar a súa dimensión supramunicipal. Entidades deportivas da contorna xa manifestaron o seu interese en utilizar estas instalacións para adestramentos, campus e competicións, incrementando así a actividade e as posibilidades de aproveitamento dun equipamento público que ata o momento estaba moi limitado polo seu estado.
Unha gran área pública de servizos
A reforma do pavillón forma parte dunha planificación máis ampla para concentrar, modernizar e ampliar os equipamentos públicos nun mesmo ámbito, creando unha gran área de servizos para a veciñanza.
Neste espazo sitúanse actualmente o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o novo Centro de Saúde, as piscinas municipais, a pista multideporte, o parque infantil, o Centro Sociocultural e o aparcadoiro público, aos que se sumará proximamente unha nova pista de pádel.
Configúrase así unha rede de infraestruturas vinculadas ao deporte, a saúde, a educación, a infancia, a conciliación e a convivencia, concentradas nun mesmo espazo e pensadas para dar servizo ao conxunto do Concello.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o Concello de Boborás destácase que esta actuación “non consiste unicamente en reformar un pavillón, senón en recuperar unha infraestrutura esencial e incorporala plenamente á rede de servizos públicos que estamos construíndo e mellorando para a veciñanza”.
A reforma permitirá, deste xeito, completar a transformación dun equipamento municipal estratéxico e continuar avanzando no obxectivo de dotar Boborás de máis e mellores servizos públicos, instalacións modernas e espazos capaces de responder ás necesidades presentes e futuras da veciñanza.










