A Entidade Local Menor de Berán, no Concello de Leiro, vén de dar un paso decisivo para que o Balneario de Berán poida abrir finalmente as súas portas e estar operativo, logo de anos desde a súa construción pola Xunta de Galicia sen chegar a funcionar.
A Xunta Veciñal de Berán, en sesión extraordinaria celebrada o 21 de agosto de 2026, acordou a adxudicación do servizo de “Gestión y explotación del Balneario de Berán” a favor de Pablo Fernández Casares, tras a proposta formulada pola Mesa de Contratación reunida o 7 de xullo de 2026 no salón de plenos do Concello de Leiro.
Un paso clave para que o Balneario sexa unha realidade operativa
A importancia desta adxudicación reside en que permite avanzar cara á externalización da xestión e explotación do Balneario, condición necesaria para a súa posta en marcha efectiva.
Deste xeito, un equipamento construído hai anos e que permanecera sen actividade poderá agora iniciar unha nova etapa, coa previsión de converterse nun recurso activo para Berán, para o Concello de Leiro e para o conxunto da comarca.
O Balneario chega a esta fase despois dunha importante aposta económica das administracións públicas, cun investimento de arredor de 3.000.000 de euros por parte da Xunta de Galicia para a súa construcción e de 400.000 euros da Deputación de Ourense, destinados a actuacións de mantemento e á mellora dos viais de acceso.

Datos principais da adxudicación
Segundo consta na certificación emitida pola Secretaría accidental da Entidade Local Menor de Berán, a Xunta Veciñal acordou:
- Adxudicar o contrato do servizo de xestión e explotación do Balneario de Berán a Pablo Fernández Casares.
- A oferta económica establece un canon anual de 6.050 euros, desagregado en 5.000 euros máis 1.050 euros.
- O prazo de execución do contrato será de 15 anos.
- Durante os dous primeiros anos de carencia, o canon será de 500 euros por cada un deses dous anos.
- A proposta obtivo unha puntuación total de 78,5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:
- 28,5 puntos en criterios avaliables mediante xuízo de valor.
- 50 puntos en criterios avaliables automaticamente.
A Mesa de Contratación propuxo a adxudicación por unanimidade, ao considerar que a oferta presentada cumpría coas condicións establecidas no prego e acadaba a máxima puntuación.
Tramitación administrativa
No expediente consta que concorreu á licitación Pablo Fernández Casares, quen, tras a correspondente revisión e emenda da documentación requirida, foi admitido no procedemento.
Posteriormente, unha vez requirida a constitución da garantía definitiva e a documentación recollida no prego de cláusulas administrativas particulares, o adxudicatario depositou os avais correspondentes na entidade ABANCA:
- Un aval por importe de 6.500 euros, con data 31 de xullo de 2026.
- Outro aval por importe de 1.000 euros, con data 12 de agosto de 2026.
Finalmente, a Xunta Veciñal acordou tamén notificar o acordo á empresa adxudicataria, ratificalo no seguinte pleno do Concello de Leiro e proceder á formalización do contrato.
Unha oportunidade para Berán e para Leiro
A posta en funcionamento do Balneario de Berán supón unha oportunidade para dinamizar a zona, aproveitar un recurso público largamente agardado e reforzar o potencial turístico, termal e económico da contorna.
Despois de anos sen actividade, a adxudicación da xestión marca o inicio dunha etapa na que o Balneario poderá, por fin, cumprir o obxectivo para o que foi construído: prestar servizo, xerar actividade e poñer en valor os recursos termais de Berán.










