A veciñanza do Carballiño terá descontos do 50% en tratamentos termais nas instalacións do Gran Balneario

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Termalismo, convida á veciñanza a desfrutar das instalacións do Gran Balneario cunha nova edición do programa municipal de saúde termal. “Queremos achegar á poboación ao termalismo para que coñeza os moitos beneficios deste tipo de auga para a saúde, tanto a nivel físico como psíquico”, destaca Elvira Torres, concelleira de Termalismo e Medio Ambiente.

Os tres circuítos ofertados contan cunha subvención do 50% por parte do Concello, o que favorece o acceso de todos os veciños e veciñas interesadas na saúde termal. O primeiro, dun día, inclúe baño de hidromasaxe e inhalación ou parafango, e ten un custo de 12 euros para a persoa (o Concello aporta os outros 12 euros). O segundo, de dous días, inclúe baño de hidromasaxe e parafango e ducha circular e inhalación. O prezo para a persoa beneficiaria é de 22 euros (en lugar dos 44 euros habituais). O último, de tres días, inclúe baño de hidromasaxe e inhalación, ducha circular e parafango, e baño estático con sales e masaxe parcial ou descarga de pés. Neste caso, o prezo é de 34,50 euros (os outros 34,50 euros apórtaos o Concello).

As persoas interesadas poden solicitar participar no programa desde este venres, día 4, ata o 24 de setembro, tanto a través da sede electrónica do Concello como no Rexistro Xeral da Casa Consistorial. Para inscribirse basta con ter máis de 18 anos e estar empadroado no Concello do Carballiño cunha antigüidade mínima de 12 meses. Unha vez que remate o prazo de solicitudes, as persoas admitidas recibirán un correo electrónico de confirmación.

A admisión no programa non garante a reserva dunha praza, xa que o desconto aplicarase ata esgotar o crédito dispoñible. Os beneficiarios e beneficiarias, por tanto, poderán desfrutar do tratamento cun 50% de desconto ata o 5 de decembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------