Ribadavia acolle dende esta semana un novo establecemento, Pequeno O Ribeiro, adherido ao programa ‘Vilas Vivas’, que foi adxudicado a Abi Rodriguez Prades, fundadora do proxecto empresarial, xunto a Jonatan Company, de Streaming Ribeiro, e que desenvolverá desde este espazo diferentes liñas de traballo relacionadas coa comunicación audiovisual e a accesibilidade. Ambos levan cinco anos vivindo no Ribeiro, onde decidiron continuar desenvolvendo a súa vida profesional, persoal e familiar e impulsar novos proxectos desde o rural.
Pequeno O Ribeiro celebrará o vindeiro domingo 6 de setembro, de 12,00 a 14,00 horas, unha xornada de portas abertas no seu novo local da Rúa Yáñez, 2, no casco histórico da vila ribadaviense.
Pequeno O Ribeiro será un multiespazo inclusivo e adaptable desde o que crear contidos audiovisuais, realizar retransmisións en directo e ofrecer formación e asesoramento en comunicación e redes sociais. O espazo quere servir tamén como punto de apoio para artesáns, comercios, profesionais, asociacións, concellos, establecementos turísticos, balnearios e outras iniciativas do Xeodestino Ribeiro-Carballiño, axudándolles a comunicar mellor o que fan e a dar maior difusión aos seus produtos, servizos e proxectos dentro e fóra do Ribeiro. O local contará con diferentes posibilidades de uso para formación, reunións e proxectos colaborativos, ademais dunha zona de croma para a creación audiovisual.
A accesibilidade forma parte do proxecto desde o seu inicio. Jonatan é unha persoa xorda e tanto el como Abi forman parte de APSOU, a Asociación de Persoas Xordas de Ourense, polo que coñecen de primeira man algunhas das barreiras que aínda existen no acceso á información e á comunicación. Así, unha das liñas de traballo será axudar a que empresas e entidades poidan facer os seus contidos máis accesibles para a comunidade xorda, incluíndo a lingua de signos española cando o proxecto o requira. Esta liña xa ten un traballo concreto en marcha: Jonatan Company está a realizar 14 vídeos accesibles para o Xeodestino Ribeiro-Carballiño, nos que tamén participa Abi Rodriguez Prades, para achegar contidos do territorio á comunidade xorda.
Abi Rodriguez Prades é cofundadora de PAS Rural, forma parte de AEPA e é usuaria do Polo de Emprendemento do Carballiño desde hai máis dun ano. Foi beneficiaria do programa EMEGA 2025 e do Bono Activa Rural 2025, e participa en redes e iniciativas como Ultreia, Presentes, Mujeres que Catan Club e Mulleres Líderes de Galicia.
Con Pequeno O Ribeiro quere dispoñer dun espazo desde o que desenvolver a súa actividade e, ao mesmo tempo, crear colaboracións que axuden a facer máis visible e accesible todo o que se fai no Xeodestino Ribeiro-Carballiño.


















