A Alcaldesa de Boborás Patricia Torres informa á toda a veciñanza que esta mesma tarde se rexistrou un roubo nunha vivenda situada na parroquia de Brues, no noso municipio.
Segundo os datos facilitados, dúas mulleres novas, morenas e co pelo recollido nunha coleta, achegáronse á casa da vítima solicitando auga. Aproveitándose da boa vontade e da vulnerabilidade da veciña, que as atendeu, conseguiron acceder ao interior da vivenda e subtraerlle as xoias de ouro que gardaba.
A Garda Civil xa foi notificada dos feitos e está a realizar as pescudas oportunas.
Recomendacións á veciñanza:
- Extreme as precaucións, especialmente no trato con persoas descoñecidas que se acheguen ás vivendas.
- Non permita o acceso ao interior da casa a estraños, por moi plausible que sexa a súa petición.
- Preste especial atención ás persoas maiores ou que viven soas, alertándoas sobre esta situación.
- Ante calquera comportamento sospeitoso, avise de inmediato á Garda Civil.
Difusión: Rogamos que compartan este aviso entre familiares, veciños e persoas coidadoras, para chegar a todos os fogares, especialmente aqueles onde residan persoas máis vulnerables.
Moito coidado a todos e todas.
Alcaldía de Boborás










