O Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño ten posta en marcha a campaña de promoción de compras vencelladas ao regreso dos estudantes ás aulas no inicio do curso lectivo 2026/2027. Baixo o epígrafe “Volta ao cole: mercar no Carballiño CCA ten premio”, o programa ofrece á veciñanza e visitantes a oportunidade de participar, o vindeiro venres, 11 de setembro, no sorteo de tres lotes de material escolar.
O único requisito e mercar, ata a xornada do venres, nalgún dos establecementos asociados ao CCA, onde se lles fará entrega dun tiquet de compra que deberá presentarse o mesmo venres na ‘pista roxa’ da Praza do Emigrante para recibir unha papeleta e así ter opción a entrar no sorteo, que terá lugar de xeito presencial ás 20,30 horas, coincidindo co remate da festa preparada pola organización da campaña.
O inicio desta celebración está previsto para as 17,30 horas, e por cada tiquet de compra entregarase unha bolsa de polvos ‘holi’ para que a cativada se divirta na recreación da ancestral festa de cores india, que estará amenizada con música.

















