A Limia pechou os actos conmemorativos do Ano Oteriano 2026 no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O pasado sábado 12 de setembro, no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás, A Limia pechou os actos conmemorativos dedicados a don Ramón Otero Pedrayo cun acto denso e moi rico en achegas, cunha participación de preto de setenta persoas da comarca da Limia e doutras comarcas. Ao final, os participantes desfrutaron duns petiscos e dun amplo tempo de convivencia e intercambios.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás e o Museo da Limia de Vilar de Santos celebraron os días 5 e 12 de setembro senllos actos en lembranza do Patriarca das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo, desde perspectivas complementarias. Baixo o título de “A Limia e a Lagoa de Antela no imaxinario literario e paisaxístico de don Ramón Otero Pedrayo”, os relatores no Museo Etnográfico da Limia abordaron, nunha primeira sesión, a ollada literaria de don Ramón á Limia e á Lagoa de Antela, mentres que no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela abordouse a ollada de don Ramón á xeografía e á paisaxe da Limia e á Lagoa de Antela.

En Sandiás, no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, tivo lugar a segunda quenda de intervencións, o sábado día 12 de setembro ás 19.00 horas do serán, coa participación de D. Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía na Universidade da USC, centrada no tema “Otero Pedrayo e a paisaxe”, cunha palestra de altura, densa e moi rica en matices sobre a paisaxe galega e da Limia. Acto seguido, interviu o escritor e divulgador Xosé Benito Reza, que foi Xefe de Medio Ambiente Natural en Ourense e Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, que non se resistiu a rememorar con paixón os seus tempos nun proxecto moi querido de rehabilitación das Areeiras da Limia e tamén nos fixo desfrutar coa espléndida narrativa dun texto imaxinario de dous soldados romanos de camiño pola Via Nova XVIII dende Bracara Augusta e o seu paso pola comarca da Limia e Sandiás. Pechou o acto Xosé Eduardo López Pereira, Presidente da Fundación Otero Pedrayo, cunha sintética e emotiva biografía e periplo da vida de don Ramón, e María José Bravo Bosch, autora do documental “Ramón Otero Peddrayo, dereito á paisaxe”, presentando o documental de Otero Pedrayo na súa condición de xeógrafo e apaixoado da paisaxe galega.

En Vilar de Santos, no Museo Etnográfico da Limia, tivo lugar a primeira xuntanza, o sábado día 5 de setembro, ás 11.30 da mañá, na que, tras a presentación do Presidente do Museo da Limia, Delfín Caseiro, interviron o escritor e crítico Paco López-Barxas, quen presentou o libro “Ramón Otero Pedrayo, arredor de si”; Patricia Arias Chachero, profesora e secretaria da Fundación Otero Pedrayo, quen disertou sobre os vencellos entre D. Ramón e a Limia, con detalles moi curiosos; e Xosé Carlos Sierra Rodríguez, ex-director do Museo Etnográfico de Ribadavia, que falou da sensibilidade etnográfica de don Ramón Otero Pedrayo.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Ambos os actos e as súas charlas permitiron achegarse á riqueza natural, histórica e cultural da comarca da Limia da man do legado de Ramón Otero Pedrayo, inspirándose na obra do escritor, xeógrafo e intelectual ourensán, que converteu este territorio nunha das súas principais fontes de inspiración, co obxecto de que a Terra da Limia estea viva no decorrer deste áureo Ano Oteriano 2026. Esperamos que estas propostas se converteran  nunha oportunidade para mirar a paisaxe da Limia, coñecela, comprendela e tamén sentila.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------