O Carballiño abre mañá o programa das festas patronais do San Cibrao con pasarrúas, un concerto e unha verbena

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño quenta motores para celebrar os días grandes das Festas do San Cibrao 2026. A vila rende homenaxe ao seu patrón cunha variada programación cultural, na que se mesturan música de rúa, actuacións tradicionais e grandes orquestras. Os festexos, organizados pola comisión de festas do San Cibrao co apoio do Concello, comezan mañá e finalizan o sábado 19, como é tradición, coa Romaría da Saleta.

Entre as citas máis esperadas pola poboación destacan as dúas tiradas de fogos de artificio (a habitual da noite do 16 e unha máis, o 18, adicada á Festa do Pulpo) e a celebración da gran Festa da Xuventude, que será unha continuación da cita levada a cabo o día da Festa do Pulpo. Desde a comisión de festas, así como desde o goberno local, convidan a toda a veciñanza e á poboación do resto da provincia a desfrutar da ampla programación.

A xornada de mañá comeza cedo, ás 11,30 horas, co pasarrúas da Charanga Castro Bello pola vila, que se repetirá pola tarde, ás 19,00 horas. Por outra banda, ás 18,30 horas será o concerto da Escola Moderna Pulpo Beats. Á noitiña, a verbena correrá a cargo do Grupo Assia na Praza Maior, que comezará o primeiro pase ás 20,30 horas e o segundo ás 23,00.

O mércores, día 16, haberá o habitual Feirón do Carballiño, que contará coa animación musical dun grupo de música tradicional da vila. Ás 20,00 horas actuará a orquestra Gran Parada na Praza Maior, no primeiro pase. Ás 23,00 horas realizarase a gran tirada de fogo fixo e voador no Parque Municipal, unha das citas máis especiais das festas. Ás 23,30 horas, Gran Parada iniciará o segundo pase na Praza Maior, e ás 00,30 horas comezará a actuación da orquestra Combo Dominicano na Praza da Veracruz.

O día de San Cibrao, o xoves 17, arrancará ás 11,30 horas co pasarrúas da Charanga CLK, que se repetirá ás 19,30 horas polas rúas da vila. A Agrupación Musical de Boborás tamén actuará durante a tarde, que rematará co concerto de Gallaecia Big Band na Praza Maior ás 20,00 horas. Pola noite, a orquestra Olympus será a encargada de poñer a nota musical a partir das 23,00 horas na Praza da Veracruz.

Ao día seguinte, 18 de setembro, será a Charanga Dr. Anchoa a que inicie a xornada festiva cun pasarrúas ás 11,30 horas, que repetirá pola tarde, a partir das 19,30 horas. A xornada continuará coa Orquestra Principal, que actuará na rúa Calvo Sotelo ás 20,00 horas, en primeiro pase, e ás 23,30 horas, en segundo pase. Ás 23,00 horas o Parque Municipal acollerá a segunda gran tirada de fogo fixo e voador, unha proposta moi especial ao estar adicada á Festa do Pulpo, na que participaron milleiros de persoas ao longo das tres semanas de actividades. A Praza Maior acollerá a partir das 23,30 horas a Festa da Xuventude coa célebre discomóbil A Gramola, outra das principais novidades deste ano. O evento, que será unha continuación da cita da Festa do Pulpo, contará coa participación de dj’s tan coñecidos como Saul Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras.

O sábado, día 19, é a Gran Romaría da Saleta, a tradicional cita relixiosa á que cada ano acuden milleiros de persoas. Na vila do Carballiño, pola súa parte, realizarase o tradicional ‘Memorial José Luis Blanco’, o encontro de coches clásicos e históricos, que reúne a numerosos afeccionados ao motor e aos vehículos antigos. O evento comezará ás 10,00 horas na Praza da Veracruz. Pola tarde, ás 17,00 horas, terá lugar a masterclass do recoñecido fotógrafo Mario Cea na Casa da Cultura. A cita forma parte das actividades do Arenteiro Fotográfico.

Xa o domingo, día 20, como broche de ouro da semana, celebrarase o Día do Neno, o que suporá descontos para os máis pequenos en atraccións e xogos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------