O Pleno da Corporación Municipal do Carballiño deu o visto bó unánime a unha moción presentada por Espazo Común na que se solicitaba unha mellor dotación de prazas para os corpos de seguridade e emerxencias cara a crear un clima de tranquilidade e seguranza entre a veciñanza. O voceiro desta formación política, Adolfo Nogueira, referíuse a escasa plantilla da Policía Local e do Grupo de Emerxencias Municipal, así como a falta de persoal no Parque de Bombeiros.
Pola súa banda, o alcalde en funcións e voceiro do Partido Popular, José Castro-Gil, recoñecía as baixas existentes na plantilla policial “de longa duración e difíciles de cubrir”, se ben manifestaba terlle trasladado ao subdelegado do Goberno a necesidade de ampliar o número de prazas no posto da Garda Civil do Carballiño, que a criterio de Espazo Común tamén son escasas.
O concelleiro de Seguridade, Alberto Otero, apuntou que nestes intres hai 13 axentes policiais en plantilla e catro baixas, e referíuse ás melloras introducidas en seguridade cidadá coa instalación de cámaras de vixiancia na Alameda, contorna do templo da Verazcruz e no cruce de Catro Camiños, así como a compra de material de defensa para os propios policías. Asemade, avanzou que solicitarán da Axencia Galega de Seguridade a dotación de novas prazas polo sistema de mobilidade.
Finalmente, o equipo municipal de goberno (PSdeG-PSOE e PP) e a concelleira non adscrita, Sofía García, apoiaron a proposta de Espazo Común, na que se solicita “que se cubran tódalas prazas vacantes na Policía Local e no Grupo Municipal de Emerxencias” e que se demande “á Deputación de Ourense unha maior dotación de persoal no Parque de Bombeiros”. Tamén, o traslado ao Ministerio de Interior da petición dunha maior dotación de persoal do Cuartel da Garda Civil do Carballiño e, finalmente, que dende o Concello “se coordinen e organicen os diferentes corpos para garantir unha correcta vixiancia do pobo e a tranquilidade dos veciños”.

Outra moción do grupo que lidera Manuel ‘Pachi’ Vázquez e que él mesmo defendeu foi rexeitada pola maioría do goberno, contando tan só co apoio de Sofía García. A proposta estaba centrada en emprazar “á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Augas de Galicia á construción dunha nova infraestrutura de almacenamento de auga que garanta as necesidades dos veciños do Carballiño e faga viable a ampliación do Parque Empresarial”. As críticas de Vázquez sobre o nulo investimento de ambos organismos públicos no Carballiño foron respostadas por Castro-Gil e o voceiro socialista, Diego Fernández, que aportaron datos sobre os proxectos executados, entre eles, o da remodelación integral da rúa Ourense, na que a Confederación aportou 1,5 millóns de euros. O goberno local tamén rexeitou unha moción de Sofía García para posta en marcha de políticas que garantan a conciliación familiar, que sí apoiou o grupo de Vázquez.
Os votos de PSdeG-PSOE e PP aprobaron a Conta Xeral de 2025, cun montante económico de 16,6 millóns de euros en total, depois de ser incrementado o orzamento inicial de 11,2 millóns de euros con 5,4 millóns en modificacións de crédito. Neste caso, Espazo Común e Sofía García abstivéronse, coma no punto de aprobación de facturas pendentes dos anos 2024 e 2025.

















