O Bng demanda a dimisión do alcalde de Castrelo de Miño

O Bng demanda a dimisión do alcalde de Castrelo de Miño pola incapacidade manifesta de manter o máis mínimo control do concello

Publicidade

Bernardo Varela ve unha total falta de responsabilidade  e capacidade institucional na alcaldía  do concello de Castrelo de Miño á luz das imaxes festivas en dependencias municipais polo que o alcalde debe asumir a única saída digna e presentar a súa dimisión.

 A foto  difundida a través das redes socias na que se aprecia a un dos fillos dos tránsfugas da corporación, Jaime Fontanes Villamarín,  no despacho da Tenencia de Alcaldía, pon de manifesto “a falta de seriedade e rigor na xestión da administración local que padece a veciñanza de Castrelo de Miño, desde que accedeu ao cargo Avelino Pazos,  polo que a única saída digna que lle queda é a dimisión, declarou o voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela.

A imaxe en cuestión mostra ao menor que está fumando, cos pes na mesa, empregando equipos informáticos de traballo do persoal autorizado do concello para fins lúdicos,  e con diversa documentación exposta enriba da mesa.

Esta imaxe evidencia a presencia indebida de polo menos dúas persoas nas dependencias do concello e nas oficinas do goberno municipal, con acceso a documentación municipal,  equipos informáticos restrinxidos a persoal autorizado, e realizando actividades non permitidas.  Cando máis cando ningún dos tránsfugas forma xa parte do equipo de goberno municipal tras a sentencia xudicial que os inhabilitou para  exercer responsabilidades de goberno.

O acceso a estas instalacións, que debe estar limitado a persoal funcionario, ou persoal do equipo de goberno e cando menos sempre baixo supervisión,  supón ademais unha posible vulneración de dereitos da veciñanza en caso de que se accedese aos datos persoais que están en poder da administración local.

 Por todos isto, o voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, afirma que Pazos está demostrando a súa total incapacidade ao mando do goberno municipal. Incapaz de manter a máis mínima responsabilidade  á fronte de Castrelo de Miño mentres vai saltando de problema xudicial en problema xudicial.  Comezando pola inhabilitación xudicial de parte do seu goberno e agora unha posible vulneración dereitos veciñais por unha posible violación dos dereitos de protección de datos.