O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Educación, vén de sumarse ao convenio da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) contra o acoso escolar. Deste xeito, o goberno local adhírese ao desenvolvemento dunha rede de concellos que non só interveña ante situacións de acoso escolar, senón que actúe de forma preventiva para garantir o benestar e desenvolvemento integral do alumnado galego nun clima de convivencia positiva.
“Sumámonos a esta rede para fortalecer a coordinación entre entidades locais e institucións e previr, detectar e abordar de forma eficaz os casos de acoso e ciberacoso no entorno escolar”, detalla Lorena Castro, concelleira de Educación. Ademais, lévase a cabo un seguimento sistemático dos posibles casos, ofrécese apoio aos centros educativos, foméntase a formación dos axentes implicados e deséñanse programas específicos. “Queremos eliminar o acoso das aulas”, engade Castro.

















