A Biblioteca Nós acollerá o vindeiro martes 30 de xuño unha charla informativa a cargo do enxeñeiro agrónomo Xoán Castro Insua para analizar os impactos do proxecto.
O proxecto acumula máis de 3.400 alegacións presentadas por cidadanía, colectivos e administracións, nun contexto de crecente oposición social e institucional á súa implantación na comarca da Limia.
Ourense, 29 de xuño de 2026
A Plataforma Macroplanta de Biogás na Limia NON, xunto con Ecoloxistas en Acción Ourense, organiza este martes 30 de xuño, ás 19:00 horas, unha charla informativa na Biblioteca Nós de Ourense para abordar a oposición social e ambiental ao proxecto de macroplanta de biogás promovido na Limia.
A sesión contará coa intervención de Xoán Castro Insua, enxeñeiro agrónomo, investigador e vicepresidente da Asociación de Gadeir@s Elas@Eles, quen analizará os posibles impactos do proxecto sobre o territorio, a actividade agraria e o medio ambiente.
Un proxecto con ampla oposición social
As entidades organizadoras subliñan a súa vontade de abrir un espazo de información e debate cidadán arredor dun proxecto que vén xerando unha ampla oposición social na comarca.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A iniciativa acumula máis de 3.400 alegacións presentadas por cidadanía, asociacións, colectivos e administracións públicas, reflectindo a preocupación existente polos seus posibles efectos sobre o territorio, os recursos hídricos, a actividade agraria e a calidade de vida da poboación.
As entidades organizadoras consideran que un proxecto destas características resulta incompatible coa protección dos recursos naturais, coa actividade agraria e co futuro da comarca da Limia. Por iso, defenden que a solución non pasa por introducir modificacións ou medidas correctoras, senón por non autorizar a implantación da macroplanta.
A charla pretende ofrecer información rigorosa, resolver dúbidas e favorecer un debate informado sobre un proxecto que pode ter importantes consecuencias ambientais, sociais e económicas para a comarca.
Datos da actividade
Acto: Charla informativa “ENCE na Limia NON”.
Data: Martes, 30 de xuño de 2026.
Hora: 19:00 horas.
Lugar: Biblioteca Nós, Ourense.
Relator: Xoán Castro Insua.
Organizan: Plataforma Macroplanta de Biogás na Limia NON e Ecoloxistas en Acción Ourense.

















