Ribeiro en Común denuncia que o Concello está disposto a privatizar a Residencia de maiores e esixe a convocatoria urxente do Padroado

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribeiro en Común denuncia que o alcalde de Ribadavia está disposto a privatizar a Residencia de maiores Nosa Señora dos Anxos. Así quedou demostrado no Pleno municipal de onte, xoves 24 de setembro, cando, no debate da moción presentada por Ribeiro en Común —que pedía que a nova residencia fose pública e xestionada pola actual Fundación Nosa Señora dos Anxos—, o alcalde reiterou en varias ocasións, en resposta á petición da formación, que “eles non van condicionar a nova residencia ao MODELO DE XESTIÓN”.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Para Ribeiro en Común, esta afirmación deixa aberta a posibilidade de que a Xunta impoña unha residencia privada que substitúa a actual, vinculada ao Concello de Ribadavia. A Residencia de Ribadavia está xestionada a través dunha Fundación vinculada ao Concello, cun padroado no que están concelleiros de todos os grupos e que é presidido pola alcaldía de turno.

Ribeiro en Común, xunto co resto da oposición, considera moi grave esta postura, xa que pon en perigo real a desaparición dunha residencia de natureza pública e carácter social e asistencial, que sería substituída por unha privada. A consecuencia sería terrible para moitas familias de Ribadavia que non poderían pagar os prezos dunha residencia privada, quedando excluídas. Ademais, xera unha grande incerteza na plantilla de traballadoras e traballadores do centro actual.

A obriga da alcaldía, como Presidenta do Padroado, é defender a natureza social e a función pública actual da residencia. Do contrario, debe abandonar a presidencia da Fundación.

Por todo isto, Ribeiro en Común e toda a oposición reclaman a convocatoria urxente do Padroado da Fundación para aclarar esta afirmación altamente preocupante. E reiteran o que dixo o seu portavoz no Pleno:

“Se vai ser privada, entón Ribadavia xa non terá unha Residencia de maiores, como hoxe ten; haberá unha Residencia privada en Ribadavia, pero xa non será de Ribadavia”.

Para Ribeiro en Común, Ribadavia merece unha residencia pública e social, como sempre tivo, accesible para todas as familias. Non se pode permitir que privaticen un servizo tan básico, nin consentir que se vincule a construción dun edificio novo coa privatización deste servizo, facendo desaparecer unha Fundación ligada á asistencia social dos veciños e veciñas e cun legado importante e moi querido de 200 anos de historia. Non se pode permitir que se peche un servizo con prezos accesibles para as familias que o necesiten, nin que estea xestionado fóra de Ribadavia e con intereses alleos aos dos veciños e veciñas.

É inadmisible que unha institución que xogou un papel clave na pasada pandemia e que goza do cariño de toda a sociedade ribadaviense poida ser substituída por unha empresa privada. Inadmisible que o alcalde de Ribadavia, que debería defendela, sexa o principal abandeirado das políticas privatizadoras da Xunta, contra os intereses de Ribadavia.


Moción presentada por Ribeiro en Común no Pleno

O Grupo Municipal de Ribeiro en Común trasladou ao Pleno municipal a seguinte proposta, rexistrada o 17 de setembro de 2026:

Moción de Ribeiro en Común para que o Concello garanta o carácter plenamente público da futura nova residencia anunciada esta semana pola Xunta de Galicia, a través da actual Fundación Asilo Nosa Señora dos Anxos.

Exposición de motivos

O coidado e a atención ás persoas maiores constitúen un dos piares fundamentais do Estado do benestar e un dereito inalienable que debe ser garantido polas administracións públicas. Co envellecemento progresivo da poboación en Galicia, e de xeito particular no concello de Ribadavia, a necesidade de prazas residenciais públicas converteuse nunha prioridade urxente e inaprazable para asegurar unha vellez digna e de calidade no propio contorno.

Recentemente, a Xunta de Galicia anunciou a creación dunha nova residencia de maiores no municipio. Aínda que o anuncio é unha noticia agardada e necesaria para responder á demanda social e á listaxe de agarda existente, xorde unha fonda preocupación veciñal respecto ao modelo de xestión que se vai implantar.

Historicamente, asistimos a procesos de externalización e privatización de servizos sociais onde empresas privadas ou fondos de investimento asumen a xestión de centros públicos, antepoñendo criterios de rendibilidade económica e beneficio empresarial por riba dos criterios sociais e asistenciais.

A experiencia demostra que os modelos de xestión privada ou concertada a miúdo derivan nunha precarización das condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector, o que impacta directamente na calidade asistencial que reciben as persoas usuarias. Así mesmo, o acceso a estas prazas pode verse limitado por baremos económicos ou copagos que fracturan os principios de igualdade, equidade e universalidade que deben rexer o sistema público de servizos sociais.

Unha residencia cen por cen pública —tanto na súa titularidade como na súa construción e xestión directa— garante que o centro de todas as decisións sexa exclusivamente o benestar, a saúde e a dignidade dos maiores. O diñeiro público debe destinarse integramente a fortalecer os servizos públicos, asegurando un control democrático directo, a máxima transparencia, uns ratios de persoal axeitados e unha atención individualizada e de calidade, sen que o lucro condicione os coidados.

Proposta para a súa aprobación

  1. O Pleno do Concello insta á Xunta de Galicia a garantir de xeito explícito que a nova residencia de maiores anunciada para o municipio sexa de titularidade, construción e xestión cen por cen pública e directa, rexeitando calquera modalidade de privatización, concerto total ou parcial, ou concesión de servizos a empresas privadas ou entidades con ánimo de lucro. A súa xestión e titularidade deberán ser plenamente públicas a través da Fundación Nosa Señora dos Anxos.
  2. O Pleno do Concello comprométese a facilitar todos os trámites urbanísticos e a cesión de terreos de titularidade municipal que sexan necesarios para a axilización do proxecto, sempre que se garanta a xestión e a natureza cen por cen pública e de xestión directa da residencia, a través da Fundación Nosa Señora dos Anxos, que, sendo de xestión privada, está ligada ao Concello de Ribadavia e ten unha finalidade de interese público.
  3. Dar traslado deste acordo á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Política Social e Igualdade e aos portavoces de todos os grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia.
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------