A importancia do gas radon na prevención de riscos laborais

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 30 de setembro de 2026 _ Coñecer que é o gas radon, como pode afectar os espazos de traballo, que obrigacións deben ter en conta as empresas e que medidas poden adoptarse para medir e reducir a súa concentración. Sobre estes eixos virou a xornada que Nexos encontros por Ourense dedicou hoxe a esta fonte de radiación natural que pode chegar a ser nociva. Os encargados de expoñer todas as cuestións referidas ao gas radon foron Eduardo Troncoso e Pedro Bruzos, ambos os directivos do Grupo Isonor nas áreas Comercial e de Prevención de Riscos Laborais, respectivamente.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tras unha presentación da empresa sobre a súa traxectoria e servizos en áreas PRL, vixilancia da saúde, protección de datos, formación, seguridade alimentaria ou recursos humanos entre outros, os relatores entraron en materia destacando o crecente interese das empresas con este tema e que tanto Galicia como Ourense son zonas de alto risco.

A exposición comezou con definicións sobre o gas radon, a súa natureza e orixe, e os riscos para a saúde xa que pode infiltrarse en espazos pechados acumulándose a niveis perigosos, dependendo a súa concentración do tipo de chan, ventilación e estrutura do edificio. Este gas, que pode coarse por pequenas gretas ou poros, presenta unha maior concentración en plantas baixas e sotos e dilúese rapidamente no aire. En canto aos efectos para a saúde destacaron os riscos por inhalación, sendo a primeira causa de cancro de pulmón de non fumadores.

A charla abordou tamén os sectores e zonas xeográficas máis afectadas, o marco normativo, os requisitos para empresas segundo o Código Técnico de Edificación e os métodos de medición do radon que, aclararon, non é obrigatorio realizar en todos os centros de traballo.

Para finalizar, abordaron os sistemas de mitigación e ventilación e as actuacións ante a persistencia de niveis elevados, con especial fincapé na importancia da prevención, a través da identificación do risco, a valoración dos traballadores potencialmente expostos e a aplicación de medidas preventivas. O relatorio pechouse con casos prácticos de empresas e os custos e tempos de implantación destas medidas, así como as recomendacións de prevención e control que pasan por mellorar a ventilación natural ou forzada, selar gretas en chans e paredes, instalar sistemas de despresurización do subsolo e realizar medicións periódicas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Nexos encontros por Ourense é un programa que desde hai case 7 anos achega ás empresas contidos esenciais para poder coñecer os retos empresariais do panorama actual en ámbitos tan diversos como lexislación, medio ambiente, tecnoloxía ou prevención de riscos entre outros. CEO e Abanca son as entidades responsables de organizar estas xornadas; tanto David Martínez, presidente da CEO, como José Manuel Nogueira, coordinador de banca institucional coincidiron na importancia de tratar o tema de hoxe que cada vez protagoniza máis noticias, normativa e medidas de prevención nas empresas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------